O Grupo Municipal Socialista leva ao Pleno Municipal de Cariño unha moción para esixir á Xunta un transporte público digno e coordinado en Cariño e no Ortegal.

Share Button

O Grupo Municipal Socialista de Cariño defenderá no Pleno municipal previsto para finais deste mes de xaneiro unha moción para reclamar á Xunta de Galicia unha mellora inmediata e unha planificación seria do transporte público interurbano na comarca do Ortegal.

A iniciativa nace dunha constatación clara: a mobilidade non pode depender de ter coche propio nin pode converterse nunha carreira diaria de horarios imposibles. Para o PSdeG, o transporte público é un dereito básico, porque condiciona o acceso a cuestións tan esenciais como ir ao médico, estudar, traballar ou facer xestións administrativas, e é tamén unha ferramenta clave para frear o illamento das zonas máis periféricas.

A moción recolle a situación que padece a veciñanza de Ortegal e, en particular, de Cariño: faltan frecuencias e faltan encaixes reais cos horarios de vida. Por iso, o PSdeG reclama á Xunta que deixe de tratar o transporte como un servizo residual e actúe con medidas concretas, empezando por reforzar de maneira inmediata as conexións entre Cariño e Ferrol, con frecuencias suficientes en franxas de mañá, mediodía e tarde para garantir mobilidade laboral, educativa e asistencial.

Pero a proposta vai máis alá dunha liña concreta: o PSdeG-PSOE defende que é imprescindible articular un sistema comarcal de transporte no Ortegal, con liñas e horarios coordinados entre Cariño, Mera, Cedeira, Ortigueira, Ferrol e Narón, que permita transbordos útiles e conexións efectivas tamén cos polígonos industriais. A moción inclúe igualmente a necesidade de que haxa servizos suficientes en fin de semana nas franxas básicas, para que a comarca non quede “apagada” en ningún momento.

A cuestión educativa ocupa tamén un lugar central: o texto reclama garantir unha conexión axeitada Cariño–Cedeira, tendo en conta que Cedeira é o centro máis próximo con ampla oferta de FP, para que o alumnado poida chegar ao inicio das clases con horarios compatibles e sen “chegadas excesivamente anticipadas” que hoxe son consecuencia directa dunha mala planificación.

Para o PSdeG, esta non é unha discusión menor nin unha demanda simbólica: por iso a moción esixe que estas melloras se incorporen ao novo marco contractual do transporte público de Galicia e tamén á planificación orzamentaria de 2026, é dicir, que se traduzan en compromisos e en recursos, non en anuncios.

“Non é admisible que haxa veciñanza que quede illada na súa propia comarca por falta de frecuencias e coordinación. O transporte público non é un luxo: é igualdade”, sinala o voceiro do Grupo Municipal Socialista en Cariño, Jonathan Miranda.

A iniciativa inclúe ademais unha medida práctica para recoller a realidade diaria do servizo: instar ao Goberno municipal a poñer en marcha un buzón de queixas e suxestións sobre o transporte público, para trasladar despois as incidencias á empresa concesionaria e á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta con información concreta e útil.

O PSdeG lembra tamén que esta reivindicación non se limita ao eido municipal: o partido impulsou igualmente iniciativas no Parlamento de Galicia para demandar solucións e compromisos da Xunta. E, precisamente por iso, os socialistas denuncian a incoherencia do PP, que “aquí vota a favor” de reclamar melloras cando se debate nos concellos, pero despois “vota en contra” no Parlamento, impedindo que esas demandas se convertan en cambios reais e financiados.

Publicado en Actualidade | Comentarios desactivados en O Grupo Municipal Socialista leva ao Pleno Municipal de Cariño unha moción para esixir á Xunta un transporte público digno e coordinado en Cariño e no Ortegal.

O PSdeG de Cariño denuncia que a Xunta “esquece a Cariño” nos seus orzamentos para 2026

Share Button

O goberno autonómico do Partido Popular rexeita propostas socialistas como as de crear un novo Centro de Día e Residencia de Maiores ou a mellora do campo de fútbol.

O PSdeG-PSOE denuncia que o goberno da Xunta de Galicia “esquece a Cariño” nos seus orzamentos para o vindeiro ano 2026, nos que “non se contempla ningún investimento ou a posta en marcha de novos servizos no municipio”.

O voceiro socialista en Cariño, Jonathan Miranda, lembra que o Grupo Parlamentario Socialista realizou no Parlamento galego diversas emendas aos orzamentos para que se contemplasen “investimentos necesarios para este Concello, que ademais son competencia da Xunta”.

“Estamos a falar da posta en marcha do Centro de Día e Residencia de Maiores, investimentos no campo de fútbol ou mellora das naves de antigas conserveiras pertencentes a Portos de Galicia e que están no centro da vila”, enumera o portavoz socialista.

“Tamén solicitamos melloras no transporte público, con máis horarios e mellores conexións, ou a posta en marcha dunha sección da Escola de Idiomas no IES Cabo Ortegal”, engade Miranda.

O socialista afirma que “todas estas propostas son apoiadas por todas as forzas politicas cariñesas, como demostra a aprobación por unanimidade do Pleno de mocións presentadas polo PSdeG, pero no Pleno do Parlamento de Galicia, o PP votou en contra de todas as emendas”.

“Solicitamos ao Partido Popular que nos explique a contradicción de apoiar as iniciativas en Cariño e logo o voto en contra de todas no Parlamento de Galicia”, critica o voceiro socialista local.

Pola súa banda, o parlamentario socialista Aitor Bouza lamenta que “o único que fixo o Partido Popular é aplicar a súa maioría para deixar fóra todas esas reivindicacións do territorio, deixar fóra as reivindicacións de toda a cidadanía galega”.

Bouza critica tamén que o PP de Cariño apoie no pleno municipal as propostas socialistas “de maneira absolutamente electoralista, para intentar captar o apoio da cidadanía de Cariño, xa que cunha man se vota en contra no parlamento e coa outra a favor no territorio”.

“Seguiremos reivindicando ese centro de día, seguiremos reivindicando a residencia de maiores, os investimentos no campo de fútbol e as melloras nas naves das antigas conserveiras, e por iso levarémolo ó debate individualizadamente para que o PP se teña que seguir posicionando”, avanza o deputado.

Conclúe sinalando que dende o PSdeG seguirán “exixindo a Rueda que non esqueza Cariño e que permita que os cidadáns e cidadás de Cariño teñen os mesmos dereitos que o resto dos galegos e das galegas”.

Publicado en Actualidade | Comentarios desactivados en O PSdeG de Cariño denuncia que a Xunta “esquece a Cariño” nos seus orzamentos para 2026

Sobre o polideportivo municipal e o uso das redes sociais por parte do goberno

Share Button

O PSdeG denuncia o uso partidista das redes sociais e da web do Concello de Cariño por parte do equipo de goberno do Partido Popular.

Como xa denunciamos en varias ocasións, o Partido Popular está a utilizar as redes sociais e a páxina web do Concello para uso partidista, apropiándose do que é de todas e todos, e financiado cos cartos de toda a veciñanza.

Tanto as redes sociais como a páxina web municipal deben utilizarse como unha canle de comunicación coa veciñanza, deixando as opinións e comentarios partidistas para as páxinas dos propios partidos.

Comentamos esto pola nova que aparece hoxe na páxina web sobre o inicio das obras no polideportivo, dous anos despois dos seu peche. Na mesma, o equipo de goberno manifesta que nos 8 anos do goberno socialista non se fixeron traballos de reparación no mesmo, mentindo descaradamente.

A maiores dos traballos necesarios para o mantemento, e ademáis da colaboración coa asociación Os Corzos de Ortegal na instalación do rocódromo, o equipo de goberno socialista puxo en marcha un plan de traballo por fases para a remodelación completa da instalación, empezando pola cuberta, e da que xa tiña financiación a través dun convenio coa Deputación da Coruña. En xuño de 2023, só faltaban os permisos para iniciar as obras. Este convenio tamén incluía o cambio da cuberta da Casa da Cultura. O importe total das dúas obras tiña un custo de 239.448,13€.

A pesar de moitas preguntas en Pleno pola nosa parte, o goberno municipal non informaba da situación dos case 200.000€ que a Deputación se comprometeu a achegar para estas dúas obras. Hoxe coñecemos que en febreiro de 2025 (podes ver na imaxe o extracto das resolucións de Presidencia 6702 e 6719 publicado no BOP) a Deputación arquivaba os expedientes ao non ter noticias do Concello, anulando a concesión dos case 200.000€.

Alegrámonos de que despois de dous anos comecen as obras do Polideportivo, pero requerimos ao Goberno Municipal que explique que vai a pasar coa obra da cuberta da Casa de Cultura e instamos a que inicien conversas coa Deputación para recuperar os cartos comprometidos na lexislatura anterior.

Publicado en Actualidade | Comentarios desactivados en Sobre o polideportivo municipal e o uso das redes sociais por parte do goberno

O PSdeG de Cariño reclama que se empreguen os fondos da Deputación para adquirir un novo camión do lixo e material para o SAF

Share Button

Dende o Grupo Municipal Socialista explican que a antigüidade do camión actual “incrementa as avarías, retrasa as recollidas e xera un maior custo de mantemento”.

O PSdeG-PSOE de Cariño presenta ao goberno local unha proposta para que se empreguen os fondos asignados ao Concello pola Deputación da Coruña no POS+2026 para adquirir un novo camión compactador para a recollida de lixo, así como novo material para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Dende o Grupo Municipal Socialista sinalan que estas son “dúas necesidades acuciantes no municipio que poden ser solventadas grazas á aportación da institución provincial”.

Por unha banda, sobre o camión compactador, dende o PSdeG apuntan que o Concello do Cariño só ten un disponible e que neste ano “foi habitual que tivese que pasar varios días no taller, provocando que non se recollera o lixo ou a utilización dun camión cedido por concellos limítrofes”.

O texto presentado polo grupo socialista sinala que a antigüidade do vehículo “incrementa as avarías, retrasa as recollidas e xera un maior custo de mantemento”, polo que incide na necesidade de adquirir un novo.

Por outra banda, no texto lémbrase que “o uso de material como camas articuladas ou grúas é fundamental para garantir a seguridade das traballadoras do SAF, así como das persoas usuarias”.

Porén, “moitos domicilios carecen deste tipo de axudas, en moitos casos por carecer dos recursos económicos necesarios para a súa adquisición, coa consecuencia de que as traballadoras realicen as tarefas de forma manual, incrementando o risco de lesións”. “É habitual escoitar á alcaldesa falar do número de baixas que hai no servizo”, lamentan.

Por estas razón, o Grupo Municipal Socialista propón a compra de camas articuladas, grúas ou cadeiras de ducha e a súa posterior cesión ás persoas usuarias, previo informe da necesidade por parte dos Servizos Sociais do Concello.

Publicado en Actualidade | Comentarios desactivados en O PSdeG de Cariño reclama que se empreguen os fondos da Deputación para adquirir un novo camión do lixo e material para o SAF

Moción do Grupo Socialista sobre a Atención Primaria no Centro de Saúde de Cariño para debate no Pleno Municipal

Share Button

O Partido Socialista alerta da situación “inadmisible” que sofre a veciñanza de Cariño pola falta de cobertura médica no Centro de Saúde, que obriga ás persoas usuarias a esperar ata 13 días para unha cita de atención primaria.

Co obxectivo de esixir unha resposta inmediata, o Partido Socialista presentou unha moción no Pleno do Concello de Cariño para instar á Xunta a adoptar unha solución estable e urxente que asegure a cobertura permanente das prazas de medicina de familia e pediatría, e que podes ler a continuación:

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Cariño de acordo ao disposto no artigo 71.3 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais desexa elevar ao pleno  Municipal a seguinte MOCIÓN.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A sanidade pública é un dos piares fundamentais do Estado do Benestar e un dereito recoñecido no artigo 43 da Constitución Española. Garantir unha atención sanitaria universal, gratuíta e de calidade é unha obriga das administracións públicas, e especialmente da Xunta de Galicia, como responsable da xestión do sistema sanitario galego.

A atención primaria constitúe a porta de entrada ao sistema e o nivel asistencial máis próximo á cidadanía. É o espazo onde se prevén enfermidades, se atenden os primeiros síntomas e se realiza o seguimento das patoloxías crónicas. Cando a atención primaria falla, todo o sistema sanitario se resinte: medran as urxencias hospitalarias, agrávanse os problemas de saúde e aumenta a desigualdade no acceso á asistencia.

Porén, a realidade actual amosa que o Goberno galego leva anos desatendendo este nivel asistencial, sen planificación nin investimento suficiente. A falta de profesionais, a precariedade laboral e a escasa reposición de prazas están a provocar unha situación de colapso en moitos centros de saúde de Galicia.

O caso do Centro de Saúde de Cariño é unha mostra especialmente grave desta situación. As veciñas e veciños do municipio están a sufrir demoras de máis de 13 días para poder acceder a unha cita coa médica ou médico de cabeceira. Esta espera, absolutamente inasumible, supón unha vulneración do dereito á atención sanitaria en tempo e forma, e pon en risco a saúde das persoas que precisan atención urxente ou seguimento continuado.

A situación é particularmente preocupante nun concello como Cariño, onde moitos pacientes son persoas maiores con enfermidades crónicas e con dificultades de mobilidade. A ausencia dunha resposta inmediata pola parte da Xunta de Galicia supón unha discriminación territorial evidente e unha mostra máis do deterioro progresivo da atención primaria en todo o país.

É imprescindible que o Goberno galego actúe de maneira inmediata, reforzando o cadro de persoal médico e de enfermaría, mellorando a organización interna e garantindo que ningunha persoa teña que agardar máis de 48 horas para ser atendida pola súa médica ou médico de cabeceira. A saúde non pode esperar, e a igualdade de acceso aos servizos públicos tampouco.

Por todo exposto o Grupo Municipal Socialista no Concello de Cariño, propón ao Pleno da Corporación a adopción dos seguintes ACORDOS: 

Solicitar á Xunta de Galicia:

  1. Adoptar con carácter inmediato as medidas necesarias para garantir que as persoas usuarias do Centro de Saúde de Cariño poidan acceder a unha cita coa súa médica ou médico de cabeceira nun prazo máximo de 48 horas, conforme ás recomendacións da OMS e aos estándares de calidade asistencial.
  2. Reforzar de maneira urxente o cadro de persoal médico e de enfermaría do devandito centro, asegurando a cobertura de todas as prazas estruturais e substitucións.

En Cariño, a 5 de novembro de 2025

Publicado en Actualidade | Comentarios desactivados en Moción do Grupo Socialista sobre a Atención Primaria no Centro de Saúde de Cariño para debate no Pleno Municipal

Xuntanza informativa sobre as axudas da Deputación da Coruña 2026

Share Button

A  Agrupación Socialista de Cariño, en colaboración co Grupo Provincial Socialista, convoca a todas ás asociacións e persoas interesadas a unha xuntanza informativa sobre as liñas xerais e novidades das axudas para o ano 2026 da Deputación da Coruña.

O acto terá lugar o martes, 2 de decembro, a partir das 20.30 horas, no Local Social da Casa do Concello (Avda. Da Paz, s/n), e contaremos coa presencia de Rosa Ana García, Deputada que leva as áreas de Industria, Emprego, Política demográfica e Medio Ambiente na Deputación da Coruña.

Publicado en Actualidade | Comentarios desactivados en Xuntanza informativa sobre as axudas da Deputación da Coruña 2026