41º Congreso Federal do PSOE

Share Button

A pasada fin de semana o noso partido celebrou en Sevilla o seu 41º Congreso Federal baixo o lema España adelanta por la izquierda. Aínda que o inicio do ciclo congresual estaba previsto para o 2025, a dirección do partido decidíu adiantalo un ano para encarar a segunda parte da lexislatura coas estruturas orgánicas renovadas e novas propostas programáticas.

Nun potente discurso de clausura, Pedro Sánchez insuflou ánimos á militancia, confirmou a súa intención de concurrir ás eleccións xerais en 2027 e realizou algúns anuncios importantes, como a creación dunha empresa pública de vivenda dependente da administración central.

A nova Executiva é claramente continuísta nos postos máis importantes, con Sánchez na Secretaría Xeral, María Jesús Montero na Vicesecretaría Xeral, Santos Cerdán na Secretaría de Organización e Cristina Narbona na Presidencia, pero introduce tamén caras novas. Galicia está representada por César Mogo (Exterior), Abel Caballero (vocal) e Inés Rey (en canto Vicepresidenta Primeira da FEMP), ós que temos que engadir a viguesa Emma López, actualmente afincada en Madrid, na importante Secretaría de Política Económica e Transformación Dixital.

O congreso servíu tamén para debatir e actualizar as propostas programáticas. Cos seus 145 anos de historia, o PSOE mantén os ideais de igualdade e xustiza social que inspiraron a súa fundación. Ó mesmo tempo, atopámonos actualmente nun mundo cambiante no que, sobre a base de ditos principios, é necesario afrontar retos cruciais: a desigualdade, as transformacións no mercado de traballo, o acceso á vivenda, as mudanzas demográficas e os fenómenos migratorios, o cambio climático, o auxe da ultradereita e do populismo reaccionario, o cuestionamento do coñecemento racional e científico, os dereitos reprodutivos, a dixitalización e as novas tecnoloxías… De todo elo falouse neste cónclave.

Como é costume no noso partido, o congreso de Sevilla supón ademais o inicio dun ciclo congresual que incluirá tamén, nos vindeiros meses, congresos autonómicos, provinciais e locais. A Agrupación Socialista de Cariño está participando activamente neste proceso, sobre o que seguiremos informando nesta web.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.