O pasado 24 de outubro deixounos Carmen Alborch ós seus 70 anos. Foi un exemplo de compromiso co ideario socialista e feminista, así como un orgullo para a militancia do noso partido. A súa responsabilidade máis importante e recoñecida foi a de Ministra de Cultura durante o último goberno de Felipe González (V Lexislatura), se ben a súa traxectoria vital é moito máis rica e diversa.
Doutora en Dereito pola Universidade de Valencia (1973), foi profesora titular de Dereito Mercantil e Decana da Facultade de Dereito desa mesma universidade. Ocupou tamén os cargos de Directora Xeral de Cultura da Generalitat Valenciana e directora do Instituto Valenciano de Arte Moderno (IVAM). Accedeu ó cargo de Ministra de Cultura en 1993, sendo aínda independente. Nas tres seguintes lexislaturas foi deputada do noso partido por Valencia. Nas municipais de 2007 presentouse polo PSPV-PSOE á alcaldía desta cidade, pero non conseguíu derrotar a Rita Barberá. Permaneceu como concelleira e voceira municipal, sendo elexida senadora en 2008 e ocupando dito posto durante varios anos.
É autora dunha ampla produción escrita que abrangue dende a investigación académica ata temas culturais, tendo un peso destacado os ensaios sobre feminismo e igualdade. Neste eido cómpre mentar obras como Solas: gozos y sombras de una manera de vivir (1999), Malas: rivalidad y complicidad entre mujeres (2002), Libres: Ciudadanas del mundo (2004) ou o máis recente Los placeres de la edad (2014).
O noso partido e a causa feminista perden a unha referente. É a nosa misión preservar a súa memoria e o seu legado, co obxectivo de seguir construíndo un mundo mellor.