O domingo 2 de decembro tiveron lugar as eleccións autonómicas en Andalucía, uns comicios que representan o comezo dun ciclo electoral que, nos vindeiros meses, incluirá eleccións municipais, autonómicas en varias comunidades, europeas e tamén xerais, aínda que a data destas últimas está por definir non sendo descartable que a actual lexislatura se prolongue ata 2020. Por esta razón, e tamén por outras como o cambiante escenario político (moción de censura, novo liderado no PP, etc.) ou o peso demográfico e territorial que posúe Andalucía no conxunto do estado, os comicios estaban rodeados de notable expectación.
Os resultados son ben coñecidos pero non por elo imos deixar de recollelos aquí: o PSOE obtivo 33 escanos, o que supón un descenso de 14 con respecto ós 47 da anterior lexislatura; o PP baixa sete escanos, pasando de 33 a 26; Ciudadanos sube 12 escanos e acada os 21; a coalición Adelante Andalucía obtén 17, descendendo tres con respecto ós 20 que na anterior lexislatura sumaban os seus dous principais integrantes (15 Podemos e cinco IU); finalmente, a gran sorpresa chegou da man de Vox que entra no Parlamento andaluz con 12 escanos.
Os resultados merecen algunhas consideracións. En primeiro lugar, calquer tentativa de extrapolar o acontecido en Andalucía a outros comicios municipais, autonómicos ou estatais parece arriscada. Non cabe dúbida que neste caso interviron factores específicos como o desgaste socialista tras 36 anos seguidos no poder ou o peso do fenómeno migratorio. Sen embargo, tampouco sería razoable obviar que o acontecido amosa algunhas tendencias de fondo que convén ter moi en conta.
En segundo lugar, e mal que pese a algúns, o PSOE gañou as eleccións en Andalucía. O dominio do noso partido en case todo o territorio é claro, como amosa o mapa que acompaña a esta entrada, procedente da edición dixital de El País. Polo tanto, Susana Díaz tería toda a lexitimidade para explorar alianzas –que nestes momentos parecen pouco viables- e tentar formar goberno. É lamentable ver ó PP celebrar a perda de 7 escanos e máis de 300.000 votos como se acabasen de gañar as eleccións. E máis grotesco resulta aínda que as opcións perdedoras que durante anos defenderon que gobernase a forza máis votada reclamen agora o apoio dun partido de extrema dereita como é Vox.
Semella claro que o enfoque un tanto plano da campaña por parte dos partidos de esquerda tivo un certo efecto desmovilizador, como seguramente tamén o tivo o feito de que as enquisas desen como escenario seguro un goberno socialista co apoio de Adelante Andalucía. O PSOE perdeu algo máis de 400.000 votos e todo parece indicar que se foron maioritariamente á abstención, máxime tendo en conta a baixa participación rexistrada en áreas de voto tradicionalmente socialista. O PSOE andaluz debe encarar un proceso de reflexión e debate interno, pero todo apunta a que cun traballo ben feito recuperará axiña o seus apoios nesta comunidade.
O fulgurante ascenso de Vox é, sen dúbida, un fenómeno preocupante. Este partido obtén os seus mellores resultados nas áreas máis conectadas co fenómeno da inmigración e tamén entre a poboación de clase media. A procedencia do seu electorado parece poder situarse sobre todo no ámbito da dereita: obteñen case 396.000 votos mentres que o PP perde algo máis de 300.000. Non cabe dúbida de que a progresiva radicalización discursiva tanto do PP como de Ciudadanos, así como o apoio de certos medios, acabaron xerando o ambiente para o ascenso desta forza considerada, de maneira case unánime, populista e de extrema dereita.
En todo caso, é necesario advertir que o ascenso deste tipo de forzas populistas, reaccionarias e/ou de extrema dereita en diversos lugares do planeta (Trump, Le Pen, Bolsonaro…) e fenómenos como o Brexit ou incluso o ascenso do independentismo catalán teñen en común unha mesma raíz: un profundo descontento social e a quebra de confianza no sistema por parte de amplos sectores da sociedade. Neste contexto, é máis recesaria que nunca a reformulación do proxecto socialdemócrata e a implementación de políticas que permitan correxir os excesos deste capitalismo depredador (desigualdade, precarización laboral e social, altas taxas de desemprego, problemas ambientais, etc.). Este debe ser o principal reto do socialismo democrático e a el achegaremos o noso gran de area.