A Agrupación Socialista de Cariño, en Asamblea celebrada o pasado sábado 22 de decembro, vén de escoller o seu candidato para as eleccións municipais do 26 de maio de 2019, responsabilidade que foi otorgada, como era de agardar, ó actual Alcalde e Secretario Xeral da Agrupación, José Miguel Alonso Pumar. O Alcalde e candidato á reelección fixo un balance do traballo realizado nesta lexislatura e amosou a súa disposición para seguir liderando o proxecto socialista no noso Concello.
José Miguel Alonso Pumar é Alcalde de Cariño dende as eleccións municipais de maio de 2015, nas que os socialistas recuperamos a condición de primeira forza política. Cariñés nado en 1976, licenciouse en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, especializándose posteriormente en servizos sociais cun Máster en Residencias e Atención ás Persoas Maiores pola Universidade da Coruña e un Postgrao como Experto en Xerontoloxía Social pola mesma Universidade; ademais, ten cursado estudos de Doutoramento nun Programa Europeo (con mención de calidade europea) entre as Universidades de Wüzburg (Alemaña), UNED e Estocolmo (Suecia). Ten traballado na administración local en diversos concellos, fundamentalmente nas áreas dos servizos sociais e do medio ambiente, así como no sector privado. É tamén socio-fundador da Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), ámbito –o da ornitoloxía e o Medio Ambiente- no que desenvolveu tamén unha importante actividade.
No ámbito político é Alcalde de Cariño e, a nivel orgánico, Secretario Xeral da Agrupación Socialista de Cariño, Vicesecretario de Coordinación Institucional da Executiva Provincial e membro do Comité Nacional Galego do PSdeG-PSOE. Foi tamén Secretario de Medio Ambiente da Executiva Provincial do PSdeG-PSOE no período 2012-2014.
Na Agrupación Socialista de Cariño consideramos que o noso compañeiro é o candidato ideal para revalidar o Goberno Municipal, tanto pola súa formación e experiencia políticas –aínda tendo en conta a súa xuventude- como polo traballo realizado na Alcaldía durante a presente lexislatura.
Cariño ten importantes retos por diante e xógase moito nas eleccións municipais de 2019. De aquí ó mes de maio iremos dando a coñecer os detalles da nosa proposta para a vindeira lexislatura.