Moción sobre a convocatoria de axudas do Concello de Cariño

Share Button

O Grupo Municipal Socialista vén de presentar o pasado luns unha moción sobre a convocatoria de axudas do Concello de Cariño para o seu debate no próximo Pleno da Corporación.

Nos últimos anos, o Concello de Cariño convocaba, entre outras, dúas liñas de axuda:

– Axudas para sufragar as actividades culturais, educativas e deportivas, cun orzamento de 8.000€ anuais, dirixidas ao alumnado dende educación infantil ata o bacharelato. O obxectivo era que ningún rapaz ou rapaza se vise na obriga de deixa de asistir a unha actividade ou a clases particulares por motivos económicos.

– Subvencións para entidades sen fin de lucro do Concello de Cariño, cun orzamento anual de 18.000€. As asociacións desempeñan un papel fundamental e prioritario no desenvolvemento dun Concello (a nivel democrático, cultural, deportivo, educativo,…) por iso é importante colaborar con elas e axudar ao seu sostemento económico. Podemos citar como exemplos actuais de colaboración entre asociacións a iniciativa Cariño Comparte ou a organización do evento Centenario do naufraxio de A Cova, que terá lugar esta fin de semana.

No ano 2023, o novo equipo de goberno do Partido Popular non convocou ningunha das dúas axudas. O Grupo Municipal Socialista solicitou en varias ocasións no Pleno municipal a convocatoria das mesmas, xa que existe consignación presupostaria no orzamento municipal.

O pasado venres 15 de novembro, publícase no BOP a convocatoria de Subvencións e axudas para entidades sen fin de lucro do Concello de Cariño ano 2024. As axudas cobren os gastos das asociacións entre xaneiro de 2023 e outubro de 2024, pero o orzamento é o correspondente a só un ano: 18.000€.

A data de hoxe, aínda non se convocou a liña de axudas para as actividades.

Por todo exposto, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Cariño, propón ao Pleno da Corporación a adopción dos seguintes acordos:

1º.- Sobre as Subvencións e axudas para entidades sen fin de lucro do Concello de Cariño ano 2024: o incremento do orzamento das axudas ata 36.000€ e do importe máximo de axuda a cada asociación a 3.000€, cantidades que corresponderían ao importe das axudas de 2023 e 2024.

2º.- A convocatoria por parte do goberno municipal das Axudas para sufragar as actividades culturais, educativas e deportivas, que contan con consignación presupostaria de 8.000€ no orzamento municipal.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.