Resumo do Pleno Ordinario celebrado o 28 de novembro (1ª parte)

Share Button

O xoves 28 de novembro tivemos Pleno Ordinario no Concello de Cariño. Pasamos, a continuación, a explicar os temas tratados e a nosa posición sobre os mesmos.

Votamos favorablemente a acta do Pleno ordinario celebrado o 26 de setembro.

No punto segundo dase conta dos Decretos de Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria: do 381/2024 de 20/09/2024 ata o 496/2024 de 25/11/2024.

No terceiro punto da Orde do Día tratamos diferentes mocións presentadas polos grupos municipais. O Grupo Municipal Socialista presentou tres mocións.

 

MOCIÓN SOBRE A CONVOCATORIA DE AXUDAS DO CONCELLO DE CARIÑO

Podes ver o texto completo desta moción aquí.

Propuxemos a adopción dos seguintes acordos:

1º.- Sobre as Subvencións e axudas para entidades sen fin de lucro do Concello de Cariño ano 2024: o incremento do orzamento das axudas ata 36.000€ e do importe máximo de axuda a cada asociación a 3.000€, cantidades que corresponderían ao importe das axudas de 2023 e 2024.

2º.- A convocatoria por parte do goberno municipal das Axudas para sufragar as actividades culturais, educativas e deportivas, que contan con consignación presupostaria de 8.000€ no orzamento municipal.

A moción saíu adiante cos votos a favor do PSdeG e BNG, e coa sorprendente abstención do PP. Logo de escoitar a explicación da súa postura, todo apuntaba a que votarían en contra. A Alcaldesa dixo que non era necesario convocar as axudas para os estudantes, xa que cubrían esta necesidade a través de emerxencia social. Pola nosa parte, manifestamos que as axudas de emerxencia social son axudas de último recurso, para momentos e familias moi vulnerables, e que se solicitan para necesidades concretas e puntuais. Non ten sentido obrigar ás familias a facer unha solicitude mensual, con todo o papeleo que supón, cando a convocatoria de axudas é única, baremable e abrangue todo o ano.

Sobre as axudas ás asociacións, o equipo de Goberno non entende necesario o incremento do orzamento xa que en anos anteriores ningunha asociación chegou a xustificar a cantidade completa. Dende o Grupo Municipal Socialista poñemos en dúbida esta afirmación, e solicitaremos a documentación das convocatorias anteriores para comprobalo. De todas formas, estamos a falar dunha convocatoria para dous anos, polo que entendemos que o lóxico é que se duplique o orzamento.

 

MOCIÓN SOBRE OS TERREOS DE PORTOS DE GALICIA SEN USO PORTUARIO

A Lei de Costas obriga á Xunta de Galicia a devolver ao Estado os espazos portuarios que xa non están en uso, podendo ser cedidos con posterioridade aos Concellos unha vez desafectados, cesión que terá carácter gratuíto segundo a Lei.

No caso de Cariño, podemos citar como exemplo destes espazos a Praza Roxa, o “campín”, antigas fábricas, os terreos onde están situados a Casa do Concello ou o Mercado, etc. O Concello, ademais de encargarse do mantemento, ten que pagar a Portos de Galicia polo seu uso.

En maio de 2023, a Demarcación de Costas iniciou o procemento de reversión dos terreos e en novembro, no Pleno do Concello, aceptamos recibir os terreos e darlles un uso público de interese xeral. Para aprobar o expediente, é necesario que Portos de Galicia lle dea o visto e prace ao procedemento.

A nosa proposta ao Pleno (podes ver o texto completo da moción aquí) foi a seguinte:

– Instar a Portos de Galicia e á Xunta de Galicia a que cumpran coa maior celeridade posible os acordos tomados coa Federación Galega de Municipios e Provincias en setembro de 2021, e faciliten a tramitación da declaración de innecesariedade solicitada polo Concello de Cariño.

– Solicitar a Portos de Galicia a modificación da Lei 6/2017 de Portos de Galicia e exima do pago de taxas aos concellos galegos pola utilización de espazos portuarios -especialmente en aqueles en desuso- cando as concesións ou actividades temporais dos Concellos teñan un evidente interese público.

O Concello aforraría moitos cartos que lle pagamos a Portos de Galicia. A moción aprobouse por unanimidade.

 

MOCIÓN SOBRE A DRAGAXE NO PORTO E O DEPÓSITO NA BASTEIRA

A posición do Grupo Municipal Socialista está resumida aquí.

A nosa proposta ao Pleno foi a seguinte:

– A convocatoria dunha reunión da Xunta de Voceiros do Concello, coa asistencia de persoal técnico de Portos de Galicia e da Demarcación de Costas.

Solicitar a Portos de Galicia, administración promotora das obras:

– Que a cidadanía teña acceso a toda a documentación relativa ao proxecto.

– A suspensión definitiva dos traballos de depósito de area na praia da Basteira.

– A valoración dos danos causados polos traballos na praia e no sistema dunar e a análise do material depositado na mesma.

– A modificación do proxecto, depositando os sedimentos previstos na dragaxe no mar, e non nas praias da Concha ou A Basteira.

– A realización dun estudo de impacto ambiental para os traballos de dragaxe, tendo en conta que a maior parte teñen lugar en espazos da Rede Natura.

O PSdeG e o BNG votamos a favor (5 votos) e o PP votou en contra (3 votos).

O BNG presentou dúas mocións: unha sobre a dragaxe, aprobada tamén cos votos a favor de PSdeG e BNG e cos votos en contra do PP, e outra sobre a lingua galega, aprobada por unanimidade.

(completaremos este resumo nos vindeiros días)

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.