Arrancamos o ano 2025 na nosa web co resumo do Pleno Extraordinario celebrado no Concello de Cariño o pasado luns 30 de decembro. Explicamos os temas tratados e a nosa posición sobre os mesmos.
No primeiro punto da Orde do Día, tomou posesión como concelleira do Grupo Municipal Socialista a nosa compañeira María José Fraguela López. Ocupa o posto da compañeira Carmen del Río Fraguela que, como xa anunciamos no seu momento, tivo que renunciar por motivos laborais.
No segundo punto, votamos favorablemente a acta do Pleno Ordinario celebrado o 28 de novembro.
No terceiro punto da Orde do Día tratamos a aprobación do POS + ADICIONAL 1 2025 para gastos sociais extraordinarios.
O POS+2025 é un programa anual da Deputación da Coruña que financia obras e servizos dos concellos da provincia, cun reparto de fondos baseado en criterios obxectivos. Neste 2025 o plan conta coa maior financiación da súa historia, correspondéndolle ao noso Concello a cantidade de 532.251,34€, divididos en tres apartados:
– Investimentos ou gasto corrente: 414.660,93€
– Amortización de préstamos coa propia Deputación: 74.267,63€
– Gastos sociais extraordinarios: 43.322,78€
Os dous primeiros apartados deberán abordarse noutro Pleno antes do vindeiro 7 de febreiro (data límite de solicitude). Neste último Pleno tratamos o destino dos 43.322,78€. Segundo as bases da convocatoria, poden ser utilizados para investimentos ou gasto corrente do departamento de Servizos Sociais.
A proposta do Goberno Municipal é aplicalos integramente a gasto corrente de servizos sociais. O noso voto foi a favor, aínda que pedimos que se estudara a posibilidade de adquirir equipamento técnico asistencial (camas, grúas, etc.) para realizar préstamo ás persoas usuarias que non dispoñan do mesmo e facilitar a labor das familias e das traballadoras do servizo nos domicilios.
O punto cuarto tratou a aprobación da Conta Xeral do ano 2023.
Na nosa intervención solicitamos a presentación da Conta Xeral no prazo establecido na Lei (antes do 15 de outubro), e non o último día hábil do ano. Se a Conta Xeral non se aprobara antes de final de ano, o Concello non podería obter ninguna axuda ou subvención no ano 2025. O noso voto foi a favor.
Os datos principais da Conta Xeral son os seguintes:
– Dereitos recoñecidos netos (ingresos): 4.738.628,54€
– Obrigas recoñecidas netas (gastos): 3.801.258,74€
– Diferencia: +936.133,19€
– Resultado presupostario axustado: 311.814,81€
– Remanente de tesourería (aforros do ano): 530.262,71€
Polo que podemos observar, o Concello no ano 2023 ingresou case un millón de euros máis dos que gastou. Ao longo do ano, teñen lugar ingresos e gastos que corresponden a outros anos, e que hai que sumar ou restar á diferencia entre os dereitos e as obrigas, dando un resultado presupostario do ano de 311.814,81€.
O remanente de tesourería reflicte, ao peche do exercicio, a situación de liquidez da entidade que se atopa dispoñible para financiar gastos, resultando un indicador moi importante para valorar a solvencia financeira a curto prazo da entidade local. O resultado no ano 2023 é de 530.262,71€.
Na toma de posesión do actual Equipo de Goberno (17/06/2024) os fondos líquidos nos bancos ascendían a 644.552,39€ mentres que ao peche do exercicio anterior (31/12/2023) a cantidade ascendía a 827.224,39€.
Como demostran os datos (obtidos do decreto de Alcaldía que aproba a liquidación e do informe de Intervención da Conta Xeral) a situación económica do Concello é boa, moi lonxe do catastrofismo que manifesta o Goberno Municipal do Partido Popular dende a súa toma de posesión.
Ao tratarse dun Pleno Extraordinario, non houbo punto de Rogos e Preguntas.