Resumo do Pleno Ordinario celebrado o 6 de febreiro

Share Button

O pasado 6 de febreiro tivemos Pleno Ordinario no Concello de Cariño. Pasamos, a continuación, a explicar os temas tratados e a nosa posición sobre os mesmos.

Votamos favorablemente a acta do Pleno Extraordinario celebrado o 30 de decembro.

No punto segundo dase conta dos Decretos de Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria: do 498/2024 de 27/11/2024 ata o 29/2025 de 30/01/2025.

Os puntos terceiro e cuarto trataron sobre a aprobación do POS+2025 da Deputación da Coruña.

O POS+2025 é un programa anual da Deputación da Coruña que financia obras e servizos nos concellos da provincia, cun reparto de fondos baseado en criterios obxectivos. Neste 2025 o plan conta coa maior financiación da historia, correspondéndolle ao Concello de Cariño a cantidade de 532.251,34€, dividida en tres apartados:

– Investimentos ou gasto corrente: 414.660,93€

– Amortización de préstamos coa propia Deputación: 74.267,63€

– Gastos sociais extraordinarios: 43.322,78€

A parte de gastos sociais tratouse no Pleno do día 30 de decembro.

A proposta do Goberno Municipal é a seguinte:

– 204.235,98€ destínanse a gasto corrente.

– 103.626,98€, dos que a Deputación pon 84.169,98€ e o Concello pon 19.457€, para a obra Renovación de pavimentos e outros na rúa Doutor Carreño.

– 155.047,73€, dos que a Deputación aporta 126.254,97€ e o Concello pon 28.792,76€, para a obra Renovación de servizos e pavimentos na rúa Doutor Soneira e no cruce coa rúa Landín Carrasco.

O noso voto foi favorable. Entendemos que a reparación das dúas rúas é necesaria, pero mostramos as nosas dúbidas coa planificación do Goberno.

A obra Renovación de servizos e pavimentos na rúa Doutor Soneira e no cruce coa rúa Landín Carrasco contempla unha parte da rúa (uns 90 metros), xa que a outra parte quedou aprobada nun plan anterior. Este feito obriga ao Concello a solicitar permisos sectoriais dúas veces para a mesma rúa, a realizar dúas licitacións e é moi probable que sexan dúas empresas distintas as que executen as obras na mesma rúa.

A Deputación, entre os anos 2015 e 2023, ofreceu aos concellos a posibilidade de acollerse ao Plan de Aforro e Investimento, que consistía en prestarlle cartos para o pago de débeda bancaria, a devolver en dez anos, con dous de carencia, e sen intereses. O Concello acolleuse nos anos 2015, 2016 e 2018. A partir do ano 2024, a Deputación engadiu fondos ao POS+ para amortizar estes préstamos. En resumo, a propia Deputación dalle cartos aos concellos para devolverlle os que solicitaron a través do Plan. Neste 2025 aprobamos a cantidade de 74.267,63€.

No quinto punto da orde do día tratamos tres mocións presentadas polo BNG.

Moción relativa ao estado do patrimonio conserveiro situado en solo público no Concello de Cariño. Nesta moción solicítase a Portos de Galicia que redacte e poña en marcha un plan de mantemento das naves da súa propiedade: La Ártica, El Centauro e Marujita Canela. A lei deixa claro que calquera veciño ou veciña ten que ter as súas propiedades nun estado óptimo de conservación e Portos de Galicia, como propietario, tamén ten a obriga de facelo. Por outra parte, solicita que se continúen os traballos de aprobación e de exposición pública do PXOM e do seu catálogo, que quedaron pendentes de aprobación na lexislatura anterior. Votamos a favor.

Moción de apoio á celebración do ano Castelao en 2025. Votamos a favor.

Moción para cambiar o nome da avenida Manuel Fraga, da rúa Prudencio Landín Carrasco e do CEIP Manuel Fraga, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática. Esta moción está baseada na Lei de Memoria Democrática, aprobada en 2022 polo goberno socialista de Pedro Sánchez. O artigo 40 establece que “las administraciones públicas, en el ejercicio de sus competencias y con arreglo a los correspondientes procedimientos, adoptarán las medidas oportunas para revisar de oficio o retirar la concesión de reconocimientos, honores y distinciones anteriores a la entrada en vigor de esta ley que resulten manifiestamente incompatibles con los valores democráticos y los derechos y libertades fundamentales, que comporten exaltación o enaltecimiento de la sublevación militar, la Guerra o la Dictadura o que hubieran sido concedidas con motivo de haber formado parte del aparato de represión de la dictadura franquista.

O noso grupo propón unha emenda, incluíndo un novo punto ao acordo:

  1. Crear o Consello de Memoria Democrática do Concello de Cariño.

O Consello de Memoria Democrática do Concello de Cariño é un ente consultivo de ámbito municipal con capacidade para valorar opinións e informará, asesorará a fará propostas non vinculantes ao Concello de Cariño relacionadas coa Lei 20/2022, do 19 de outubro, de Memoria Democrática, para que poidan ser debatidas e votadas, se procede, nos seus plenos municipais.

Esta capacidade de proposta e asesoramento afecta aos seguintes cinco obxectivos:

  1. Ofrecer asesoramento nos asuntos relacionados coa aplicación no termo municipal da Lei de Memoria Democrática/Histórica.
  2. Favorecer a reparación e dignificación dos veciños/as que padeceron calquera tipo de represalia pola ditadura franquista.
  3. Favorecer a investigación e difusión dos aspectos e episodios históricos ou sociais do Concello de Cariño que fosen silenciados ou terxiversados pola ditadura franquista. Neste sentido poderá propoñer a creación de grupos de traballo.
  4. Ofrecer asesoramento sobre calquera outra iniciativa relacionada cos anteriores apartados e que estea relacionada co espírito da devandita Lei de Memoria Democrática, aínda que sen estar literalmente recollidos nos seus artigos.
  5. Recibir e debater propostas de particulares ou entidades relacionadas cos obxectivos deste Consello.

Composición do Consello:

Presidencia. Recaerá na Alcaldía, que poderá delegar nun concelleiro/a.

Secretaría. Recaerá na persoa designada pola Alcaldía entre os funcionarios municipais.

Vogais:

a) Un representante de cada grupo municipal designado polos portavoces do respectivo grupo.

b) Un ou dous representantes por entidade memorialista con recoñecido traballo na comarca e que estea debidamente rexistrada.

c) Polo menos un/ha historiador/a de recoñecido prestixio no ámbito da investigación memorialista na comarca de Ortegal.

Todos os membros do Consello, agás o/a Secretario/a, terán voz e voto nas sesións. Ocasionalmente poderán ser chamadas outras persoas que garden relación cos asuntos a tratar. Estas persoas asistirán con voz, pero sen voto. Considérase particularmente relevante convidar a asociacións de veciños, sindicatos ou formacións políticas cunha traxectoria histórica relevante no relativo ós obxectivos do Consello, así como a represaliados durante a ditadura ou familiares dos mesmos.

No prazo máximo dun mes dende a aprobación da creación do Consello celebrarase a reunión constitutiva do mesmo e aprobarase un regulamento de funcionamento.

Votamos a favor desta moción, sendo aceptada tamén a nosa emenda.

Pasamos ao punto de Rogos e preguntas. Por parte do noso grupo comentamos o seguinte:

– Pedimos a creación de video-actas, coa posibilidade de que toda a veciñanza poda ver os Plenos en streaming. Como xa van varias veces que o solicitamos e o equipo de goberno non mostra interese, solicitamos que colguen na páxina web as actas, para que a poboación poda ler os acordos.

– Rogamos que modifiquen os apartado da páxina web relativo aos membros da Corporación Municipal e do Goberno Municipal. Están desactualizados, dando unha imaxe de deixadez.

– Recordamos a petición do pintado vial da parada de taxis que o colectivo de taxistas de Cariño fixo por escrito hai un ano. Informan que xa teñen o plano das prazas de aparcamento e que en pouco tempo van a pintar.

– En decembro vimos en La Voz de Galicia unha nota sobre as queixas dos comuneiros de A Pedra sobre o estado de varios pasos canadienses e o retraso non seu arranxo. Preguntamos pola situación dos mesmos e informan que xa teñen os tubos no almacén, só falta colocalos.

– Preguntamos pola cancelación do Concilia Cariño Nadal 2024-2025. A Concelleira indica que foi por baixa inscrición. É a primeira vez que pasa no Nadal. Comentamos se é posible que a baixa inscrición teña que ver co feito de que as familias tiñan que anotarse a través da páxina web da empresa concesionaria, saltándose os prazos do procedemento administrativo e que xa denunciamos no Pleno anterior. A Concelleira contesta que “sempre hai unha primeira vez”.

– O pasado 29 de xaneiro, a Deputación da Coruña publicou a resolución provisional das axudas para o financiamento de servizos sociais. Nas mesmas podemos ver que non conceden a axuda para a contratación da praza de Educación Familiar, cando na convocatoria viña establecida. Preguntamos e dende o Goberno Municipal non saber explicar o motivo.

– Cada ano, a Xunta de Goberno Local, ao abeiro da normativa de espectáculos, aproba un calendario de datas (coincide coas festas de cada Parroquia) no que se amplía o horario de peche de establecementos e finalización de espectáculos públicos. Non vimos o acordo de 2025. Preguntamos á Alcaldesa se se aprobou para este ano e indica que non. Comprobamos que quedou aprobado o 18 de febreiro, logo do noso recordarorio no Pleno.

– Logo de ver a resolución de axudas ás asociacións, pedimos que se modifiquen as bases nas seguintes convocatorias para que se permitan incluir investimentos, xa que as deste ano non o contemplaban.

– Rogamos que se organicen diferentes charlas e xornadas sobre a administración electrónica, dirixidas ás persoas que forman parte das asociacións, e que teñen obriga de comunicarse coa administración a través da sede electrónica, e tamén para a veciñanza en xeral.

– Comunicamos as queixas recibidas de persoas usuarias do servizo de axuda no fogar ao respecto das rotacións das persoas traballadoras que asisten a un mesmo domicilio.

– Preguntamos cando vai a sair a concurso público o contrato de prestación de servizos do Punto de Atención á Infancia, que xa está vencido dende finais de 2024.

– Rogamos que se solicite informe técnico cando se coloquen bolardos ou espellos na zona pública.

– Reiteramos que se coloque o cartel informativo da área de escalada de O Cravadoiro de Landoi.

– Rogamos que avancen no PXOM e Plan Especial do Casco Vello.

– Solicitamos información á Alcaldesa sobre o Decreto de incorporación de 250.000€ procedentes do PIE (526/2024) que asinou o 16 de decembro. En Plenos anteriores manifestaba que non era posible realizar incorporacións de crédito.

– Preguntamos á Alcaldesa se, despois de case 20 meses no goberno, tivo a primeira reunión co Presidente da Deputación da Coruña. Dixo que non.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.