Moción sobre a gardería presentada no Pleno do luns 26 de marzo

Share Button

Reproducimos a continuación o texto da moción sobre a gardería de Cariño que presentamos pola vía de urxencia no Pleno celebrado este luns 26 de marzo. A moción non chegou sequera a discutirse, porque tanto BNG como PP votaron en contra da urxencia.

De xeito resumido, a nosa moción propón dúas medidas vitais para garantir a continuidade da gardería de Cariño. Unha vez desestimada polos votos en contra de BNG e PP, o futuro da gardería é moi negro. Actualmente o Concello de Cariño ten en torno a 594.000 euros nos bancos (case 100 millóns das antigas ptas.), pero o goberno do BNG está disposto a deixar morrer a gardería ó negarse a aportar 3.000 ou 4.000 euros máis de subvención anual. Nós fixemos o que consideramos que tiñamos que facer. Os votantes dos outros dous partidos deben pedirlles contas polas súas respectivas actuacións.

Queremos precisar que o noso partido non está en contra de que o actual goberno municipal traballe para conseguir unha gardería de titularidade pública (máis ben consideramos que é a súa obriga). Sen embargo, mentres isto non se consegue, é fundamental preservar a gardería que temos e que presta servizo dende hai máis de 20 anos.

 

 

MOCIÓN POLA VÍA DE URXENCIA QUE PRESENTA O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA Ó PLENO DO LUNS 26 DE MARZO DE 2012

 

ANTECEDENTES 

Cariño conta cunha gardería infantil dende hai máis de 20 anos. O sostenemento desta gardería é froito do esforzo colectivo de diferentes partes. Aténdonos ás datas máis recentes, temos a seguinte situación.

– As familias usuarias pasaron, en pouco tempo, de pagar 35 euros a pagar 60 euros de cuota mensual por neno ou nena.

– A Xunta de Galicia, tanto na etapa do goberno bipartito como na etapa actual do Partido Popular, subvenciona anualmente á gardería de Cariño. A última subvención ingresada corresponde á anualidade de 2011 e supón unha cantidade de máis de 28.000 euros.

– O cura párroco de Cariño non cobra aluguer e cede de maneira gratuita o inmoble onde se atopa a gardería.

– As traballadoras responsables da gardería fan un esforzo constante por cadrar as cifras, chegando incluso a aportar o seu propio diñeiro en momentos de dificultade.

A única parte que non é solidaria con este esforzo colectivo é, na actualidade, o Concello de Cariño. Ata a entrada do actual goberno municipal do BNG, o Concello subvencionaba á gardería coa cantidade de 7.000 euros anuais. O actual faino con 4.000, e aínda acaba de ingresarlles a anualidade correspondente a 2011. A gardería dispón actualmente de 4.000 euros procedentes do Concello de Cariño onde podería dispor de 14.000 (dez mil euros máis) se a subvención se mantivese nos 7.000 euros anuais e estivese xa ingresada a anualidade de 2012, o que sería recomendable tendo en conta que a gardería atravesa un momento difícil.

A día de hoxe Cariño non pode prescindir da gardería infantil. Non se trata só dos tres postos de traballo das súas responsables. A gardería é esencial para que moitos pais e nais poidan deixar ós seus fillos ó coidado mentres van a traballar. Trátase, e máis nestes momentos de crise, dunha necesidade vital para a cidadañía cariñesa.

Ata que chegou o BNG á Alcaldía, o Concello de Cariño estivo sempre á altura, na medida das súas posibilidades. Na nosa etapa no Goberno Municipal fixemos de intermediarios para que se acadase o actual modelo de xestión, unha vez que o cura párroco decidíu que, despois de moitos anos asumindo a responsabilidade, a parroquia deixaba de prestar o servizo. Fixémolo coa implicación activa do daquela voceiro do BNG e primeiro tenente de Alcalde.

A actual Alcaldesa sempre está a falarnos das débedas que ten que pagar, pero nunca nos fala do diñeiro que o Concello de Cariño ten nos bancos. Por esta razón, a semana pasada solicitamos ós servizos municipais de Tesourería un informe da situación económica actual. A 19 de marzo de 2012 o Concello de Cariño ten nos bancos un total de 594.350,47 euros (case 100 millóns das antigas pesetas) e aínda non recaudou a inmensa maioría dos impostos desta anualidade. Un Concello que ten case 600.000 euros nos bancos non pode permitir que peche a súa gardería infantil por unha cantidade de 3.000 ou 4.000 euros anuais. Trátase de resolver o problema aquí e agora. Mañá pode ser tarde, e podemos estalo lamentando durante anos.

Por esta razón, o Grupo Municipal Socialista propón ó Pleno a adopción dos seguintes

 

 

ACORDOS 

Primeiro. Que o Concello de Cariño manteña en 2011 e 2012 a subvención anual de 7.000 euros –que viña aportando o goberno anterior- e faga os trámites pertinentes para ingresarlle de inmediato á gardería infantil a cantidade de 10.000 euros (os 7.000 desta anualidade, máis os 3.000 que se reduxeron na anualidade de 2011).

Segundo. Que o Concello de Cariño consigne no presuposto municipal de 2013 e no de 2014 a cantidade de 12.000 euros en concepto de subvención á gardería infantil, dos cais ingresará un mínimo de 8.000 euros anuais reservando un marxe de ata 4.000 euros adicionais no caso de que sexa necesario afrontar gastos extraordinarios debidamente xustificados ou compensar posibles descensos das outras fontes de ingresos.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.