Narciso Luaces Pardo (Meixido, Freires, Ortigueira, 1929), director e alma mater do Museo Etnográfico de Meixido, vén de publicar o libro Traballo, oficios e crenzas populares dos nosos antergos en Toxosoutos, un dos principais selos editoriais que operan en Galicia.
Narciso é un vello coñecido de tódalas persoas interesadas na etnografía, na historia e na cultura desta comarca do Ortegal. Labrego de profesión e autodidacta de formación, desempeñou un labor activo nas sociedades agrarias da comarca. De mente inqueda e amplos saberes, en 1999 creou cos seus propios recursos e a axuda principal da súa muller Herminia o Museo Etnográfico de Meixido, onde poden verse actualmente máis de 3000 pezas. O Museo é hoxe un importante recurso formativo, cultural e turístico da comarca, cuxa visita demorada recomendamos.
O Museo non foi, sen embargo, a única iniciativa cultural e de investigación desenvolvida por Narciso. Foi membro fundador de Edicións O Paporroibo, impartíu conferencias en centros de ensino e ponencias en congresos, etc. Tamén é autor doutro fermosísimo libro hoxe esgotado, O carreiro. Memorias do tío Santos (Galaxia, Vigo, 2000), biografía novelada dun carpinteiro de carros que traballou na comarca no último cuarto do século XIX e primeiras décadas do século XX. Entre outros traballos seus, máis recentes, cabe citar por exemplo “El carro celta en Galicia”, en Pasado y presente de los estudios celtas, Fundación Ortegalia – Instituto de Estudios Celtas, Ortigueira, 2007, páxs. 391-400, ou “Xente da vila: entrevista a Salustiano Ameneiro”, na revista pontesa Hume, 4 (2011), páxs. 17-25.
Este novo libro de Narciso Luaces, que conta un prólogo do arqueólogo e museólogo Felipe-Senén López Gómez, debería convertirse a partir de agora nunha referencia fundamental nos centros de ensino da comarca. A distinción entre traballo e oficios que contén o título quizais chamará a atención a máis dunha persoa. O autor analiza en traballo todas aquelas tarefas que formaban parte da vida cotiá dunha casa tradicional, distinguindo entre traballo diario (“O labrego madrugaba moito”, comeza dicindo), traballo semanal (lavar a roupa, cocer o pan, etc.) e traballo mensual, que describe minuciosamente mes a mes. Na segunda parte, titulada Os oficios (un complemento da economía rural), recóllense as varias ducias de oficios que conformaban a paisaxe social galega, tanto no interior como na costa (pedreiros, zoqueiros, costureiras, parteiras, mariñeiros, etc.). Finalmente, adícase unha terceira parte, máis breve, a lendas, mitos e crenzas. Numerosas fotografías, reproducidas en grises, ilustran o libro, que consta dun total de 113 páxinas e cuxo prezo de venda é de 13 euros.
Traballo, oficios e crenzas populares dos nosos antergos será presentado proximamente en Cariño, nun acto que contará coa participación do autor. Nos vindeiros días daranse a coñecer os detalles.
Narciso Luaces participará tamén en datas próximas nas V Xornadas Mouras, que, organizadas pola Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes, terán lugar os días 26 e 27 de outubro en As Pontes de García Rodríguez. Este ano as xornadas adícanse ó patrimonio etnográfico e a súa museoloxía, e Narciso presentará precisamente a ponencia O Museo Etnográfico de Meixido, o sábado 26 ás dez e media da mañá.