O noso compañeiro e voceiro do Grupo Municipal Socialista José Luis Armada Castro participará no debate Foro Voz que terá lugar mañá mércores 30 de outubro ás oito da tarde no local da Fundación Novagaliciabanco de Ferrol sobre o tema La reorganización territorial. Participarán tamén os Alcaldes de Ferrol e Narón, José Manuel Rey Varela e José Manuel Blanco Suárez, e o Xerente da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, Luis Alcalá Baillie. O acto é aberto ó público.
O espazo de debate e reflexión Foro Voz, promovido conxuntamente por La Voz de Galicia e Radio Voz, tratará na súa sesión de mañá aspectos como as posibles fusións de concellos na zona, a cooperación entre as administracións locais, o papel que debe xogar a Mancomunidade, o labor da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) ou as iniciativas para compartir servizos públicos.
Mentres que os Alcaldes de Ferrol e Narón poderán debatir en público sobre a vella idea de crear un único ente municipal a partir dos dous concellos que dirixen, o noso voceiro municipal e exalcalde terá a ocasión de explicar en primeira persoa o proceso de segregación que, hai 25 anos, deu lugar á creación do Concello de Cariño, un feito do que facemos unha lectura claramente positiva pola innegable mellora nos servizos e infraestructuras acadado neste cuarto de século. Pola súa parte, Luis Alcalá achegará un enfoque máis técnico derivado da súa experiencia como xerente da Mancomunidade.
Esta iniciativa do Grupo Voz conta co apoio do Concello de Ferrol, da Confederación de Empresarios de Ferrolterra (Cofer) e da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, así como da Fundación Novagaliciabanco.