A reorganización territorial da comarca: intervención de José Luis Armada no Foro Voz

Share Button

altComo tiñamos anunciado, o noso compañeiro José Luis Armada Castro, voceiro do Grupo Municipal Socialista e exalcalde de Cariño, participou onte nun debate de Foro Voz en torno á reorganización territorial da comarca, en compaña dos alcaldes de Ferrol e Narón, José Manuel Rey e José Manuel Blanco, e do Xerente da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, Luis Alcalá. O debate arrancou ás oito da tarde e tivo lugar no local da Fundación Novagaliciabanco en Ferrol. Estivo presente un nutrido público, no que se atopaban alcaldes de varios concellos da comarca.

Os catro ponentes achegaron reflexións interesantes nun debate que durou en torno a unha hora e cuxo resumo foi emitido hoxe en Radio Voz. O noso compañeiro encargouse de abrir a quenda de intervencións coas reflexións que reproducimos a continuación. No debate posterior, Armada Castro insistíu na idea de que calquer alteración do mapa municipal –chámese fusión, segregación ou calquer outra fórmula das previstas na lei- debe basearse en rigurosos estudos previos e, sobre todo, debe ter en conta a vontade da cidadanía. Destacou ademais a necesidade de mellorar o financiamento dos concellos –cuxa participación nos tributos do estado é bastante inferior á porcentaxe dos servizos que prestan- e lembrou que esta é unha reivindicación que xa se facía hai máis de 20 anos, na súa primeira etapa como Alcalde.

A quenda inicial de intervencións debía respostar á pregunta ¿El futuro de la comarca pasa por llevar a cabo una reorganización de su territorio? e estas foron as palabras do noso compañeiro Armada Castro:

Para comezar, quero manifestar que nos atopamos ante un tema moi complexo, que require estudos previos exhaustivos e que, polo tanto, non debería ser tratado con lixeireza nin con visións curtopracistas.

En todo caso, eu creo que o futuro da comarca non necesariamente pasa por levar a cabo unha reorganización do seu territorio. De feito, as tres comarcas (Ferrolterra, Eume e Ortegal) pasaron por etapas moi prósperas e con altos índices de emprego coa organización territorial que temos actualmente e que –salvo modificacións moi puntuais- existe dende hai bastantes décadas.

Dende o meu punto de vista, estase a crear mediática e politicamente un debate no que se pretende culpabilizar ós concellos da desfeita económica na que estamos inmersos, para desviar a atención dos problemas reais que afectan ó país e dos verdadeiros culpables da crise. Se algo está claro é que non foron os concellos os que provocaron esta dramática situación que estamos a vivir.

Por outro lado, é un erro reducir este debate a parámetros estrictamente economicistas. En primeiro lugar, porque non está probado que unha reorganización do mapa municipal, fusionando concellos, sexa máis barata, a non ser que elo implique unha redución e unha perda na calidade dos servizos que se prestan. De feito, hai exemplos de que os concellos máis grandes e povoados son precisamente os que teñen un endebedamento máis grande.

En segundo lugar, os concellos constitúen un elemento fundamental de participación política da cidadanía e de desenvolvemento económico e social; xogan un papel esencial na vida da comunidade; son a administración máis próxima ó cidadán e, polo tanto, a máis e mellor controlada.

Por esta razón, creo que calquera alteración do mapa municipal debe partir da vontade maioritaria da cidadanía que viva nese territorio e debe vir precedida dun debate social intenso e de estudos exhaustivos onde se poñan de manifesto os pros e contras da decisión.

Considero, polo tanto, inaceptable calquer reorganización feita por decreto e sen contar coa vontade das persoas que na maior parte dos casos teñen un sentimento de pertenza ó Concello no que viven, que, como antes dicía, constitúe o referente fundamental da súa vida comunitaria.

No caso que máis me afecta e mellor coñezo, que é o de Cariño, a segregación foi moi positiva. Existía unha vontade cidadá maioritaria e con raíces históricas, cumplíanse tódolos requisitos que esixía a Lei e tiñamos un déficit enorme de servizos e infraestructuras que foi solventado nestes 25 anos de Concello propio.

O xornal La Voz de Galicia publicou hoxe unha breve crónica deste Foro Voz á que pertence a fotografía que reproducimos nesta entrada; podes atopala aquí:

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/2013/10/31/ferrol-apuesta-fusion-naron-prefiere-solo-cooperarcooperacion/0003_201310F31C19913.htm

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.