Este pasado domingo, 25 de maio, tiveron lugar as eleccións europeas. Cando leas esta entrada de seguro coñecerás xa os resultados, polo que non imos reproducilos aquí. Sen embargo, e como é de costume en cada cita electoral, queremos facer algunhas reflexións sobre os mesmos, neste caso considerando as diferentes escalas xeográficas que entran en xogo.
En Cariño o Partido Popular foi a forza máis votada, con 455 votos e unha porcentaxe do 36’02 %. A continuación situouse o noso partido con 347 votos e o 27’47 % de porcentaxe. A terceira forza foi Alternativa Galega de Esquerda (AGE) con 111 votos e a continuación situáronse Podemos (108 votos), Bloque Nacionalista Galego (83 votos) e Unión, Progreso y Democracia (24 votos). Ningunha das restantes forzas políticas superou os 15 votos. A participación voltou a ser baixa, do 35’01 %, dez puntos por debaixo da media estatal e autonómica. A baixa participación electoral que, unha vez tras outra, rexistra o noso Concello debería ser motivo de reflexión. A imaxe que acompaña a esta entrada provén da edición dixital de El País.
Queremos, antes de continuar, trasladar un agradecemento especial ás 347 persoas que, nestas circunstancias difíciles, decidiron depositar a súa confianza no noso partido. O PSOE rexistra en Cariño a terceira mellor porcentaxe de voto dos 20 concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal, só superada por A Capela (37’8 %) e As Pontes (29’58 %), ambos con gobernos municipais socialistas. Nas dúas mesas de Cariño centro quedamos só a 9 votos de ser a primeira forza. A nivel provincial, unicamente 9 dos máis de 90 concellos coruñeses teñen unha porcentaxe de voto socialista máis alta que o noso.
Aínda así, a porcentaxe de voto socialista rexistra un notable descenso con respecto a comicios anteriores, fenómeno común a todo o Estado e que afecta ós dous partidos maioritarios. En Cariño o PP, pese a gañar as eleccións, experimenta tamén un importante retroceso mentres que o voto de esquerdas (PSOE, AGE, Podemos e BNG) é claramente maioritario.
O acusado descenso do BNG é digno de mención. Se extrapolásemos os resultados de Galicia a unhas eleccións xerais, quedarían sen representación en Madrid. E se extrapolásemos os de Cariño a unhas municipais, quedarían tamén sen representación no noso Concello. É evidente que calquera extrapolación deste tipo merece suma cautela, pero tamén o é que, como sinalamos noutras ocasións, a traxectoria do actual goberno municipal non está axudando á fidelización do voto ó BNG. Noutros concellos gobernados por este partido, caso de San Sadurniño ou Allariz, obteñen moi bos resultados nas europeas. En Cariño, como xa sucedera nas autonómicas de 2012, semella que voltan a pasar factura nas urnas a errática traxectoria do actual goberno municipal, a frecuente toma de decisións contrarias á vontade da cidadanía e a entente cordial que levan mantendo co PP local ó longo da presente lexislatura.
A escala estatal, os fenómenos máis significativos son o acusado descenso dos partidos maioritarios e a sorpresiva irrupción de Podemos, que obtén cinco escanos. Este fenómeno merece tamén algúns comentarios. Non pode negarse que o discurso do seu mediático líder, Pablo Iglesias, sintoniza co que nestes momentos está a sentir a cidadanía. En canto partido de nova creación, Podemos conta ademais coa vantaxe de que pouco hai que reprocharlles: nunca tiveron que gobernar nin que tomar decisións polémicas ou impopulares. En Podemos hai, ademais, coñecementos de comunicación política e marketing electoral que proveñen do exercicio profesional e académico dalgúns dos seus integrantes.
Sen embargo, hai que recoñecer que parte das propostas de Podemos, ou de Izquierda Unida, poderían ter perfecto acomodo nunha óptica política socialdemócrata: cambios na política tributaria, control estatal de sectores económicos estratéxicos, banca pública, rexeneración da clase política e crítica do fenómeno das portas xiratorias, etc. As élites do noso partido deben demostrar, dunha vez por todas, que teñen a vontade de recuperar un discurso e unha práctica inequivocamente socialistas, comprometidos coa maioría social e non cos grandes poderes económicos. Os nove escanos que descende o PSOE nestas europeas coinciden exactamente coa suma dos cinco que obtén Podemos e os catro que sube Izquierda Unida. Parece claro hacia onde marchan os votos.
A dirección socialista vén de trasladar á cidadanía a idea de que entendeu a mensaxe, convocando un Congreso Extraordinario para os días 19 e 20 de xullo, no que o actual Secretario Xeral, Pérez Rubalcaba, xa anunciou que non será candidato. Aínda que outras fórmulas de cambio poderían ser igualmente válidas ou incluso mellores, a ocasión non debe desaproveitarse. Ábrese, pois, o camiño para un liderazgo renovado e, o que é máis importante, a oportunidade para construir un novo discurso e unha nova práctica política. Quéirase ou non, e máis tralos resultados electorais rexistrados ó longo do continente europeo o pasado domingo, os partidos socialistas seguen sendo o principal instrumento de defensa das clases traballadoras.
Dende a Agrupación Socialista de Cariño imos a seguir traballando con esforzo e humildade. Estamos a traballar para ofrecerlle á cidadanía deste Concello unha sólida alternativa de futuro, pero tamén seguiremos achegando o noso gran de area para que o noso partido volte a ser, en Galicia e en España, o motor de futuro, benestar e progreso social que a maioría e especialmente as xentes máis desfavorecidas necesitan.