Co inicio deste novo ano abrimos unha etapa de cambios nesta web, que agardamos sexa breve e afecte o menos posible ó funcionamento normal da mesma. Aínda estamos estudando os detalles desta renovación, pero probablemente afectarán tanto a contidos como a aspectos estéticos e técnicos. O que si podemos prever é que durante algún tempo –que, insistimos, agardamos sexa o máis curto posible- a frecuencia de publicación reducirase bastante. Sen embargo, os contidos publicados ata hoxe seguirán dispoñibles e podes filtralos por temas mediante a opción Buscar do Menú principal.
Este sitio web da Agrupación Socialista de Cariño creouse na precampaña das eleccións municipais de 2003, nas que o noso partido recuperaría o goberno municipal abrindo unha nova etapa de oito anos á fronte do Concello. Nos anos seguintes a web tivo varios cambios de formato ata adoptar o seu deseño actual en setembro de 2009. O cambio principal introducido nesa altura con respecto a formatos anteriores foi unha páxina principal dinámica na que publicamos novos contidos periodicamente. A partir dese momento, a páxina convertiuse no principal medio de expresión do socialismo cariñés. Nestes algo máis de sete anos levamos publicadas nesta web 747 entradas coa distribución que podes ver na gráfica adxunta. Os anos 2010 e 2011 foron especialmente intensos con 210 e 164 entradas respectivamente. O descenso dos anos posteriores débese, en boa medida, á creación no noso perfil de Facebook (posteriormente reconvertido a páxina) na precampaña electoral de 2011, medio que a partir de entón empregamos para difundir noticias de carácter máis inmediato que antes –a falta deste recurso- aparecían na web. Nos últimos cinco anos (2012-2016) o ritmo de publicación anual oscilou entre as 55 e as 78 entradas.
Estes sete anos e catro meses supoñen a etapa máis longa da nosa páxina web. Co obxectivo de que siga sendo o noso principal medio de expresión e un instrumento útil para a cidadanía, cremos que chegou o momento de facer cambios. Seguiremos informando.