Cando a comezos de ano adiantamos algúns dos nosos plans para esta web durante o 2011, fixemos referencia a unha sección periódica de recomendacións ou suxerencias. Nun ano que promete ser politicamente intenso, parécenos oportuno reservar algún espacio para contidos doutro tipo, para suxerir, dun xeito máis ben informal, libros, revistas, música, páxinas web, lugares para visitar, filmes e documentais… Trátase, en realidade, de facer o que xa vimos facendo, pois as recomendacións deste tipo son habituais na páxina, pero dun xeito máis periódico e programado. Tentaremos que este apartado de suxerencias sexa semanal e apareza nos primeiros días de cada semana.
Imos comezar recomendando todo un clásico nas publicacións periódicas de contido político e cultural. El Viejo Topo é unha revista editada en Cataluña cunha clara orientación de esquerda que naceu durante os anos 70. Despois dalgún período sen editarse, aparece actualmente con rigurosa periodicidade mensual contendo sempre colaboracións de primeiro nivel. Conta con páxina web propia, cuio enderezo é http://www.elviejotopo.com
Na súa web podes consultar o índice de cada número e, habitualmente, descargar de maneira gratuita algún artigo en formato PDF. No último número publicado a data de hoxe, correspondente ó mes de xaneiro, o artigo dispoñible leva por título Enterrar a los muertos, desenterrar la memoria e o seu autor é Vicenç Navarro. Ademais, inclúe, entre outros contidos, dous artigos que analizan os resultados das últimas eleccións catalanas, unha entrevista a Samir Amin e un amplo dossier coordinado por Àngel Ferrero e titulado Retos del sindicalismo para el 2011, ademais das habituais seccións sobre cine e libros. Unha oferta moi suxerente para ler, reflexionar e entreterse nos días de frío inverno.
Cambiando de tema, aproveitamos para contarche que o pasado sábado estivemos na presentación dos dous libros recentemente publicados polo Concello, que tivo lugar no Auditorio Municipal. Foi un evento que pagou a pena, con intervencións interesantes e con máis dun centenar de asistentes.