Unha das carencias que tiñamos no Ortegal dende sempre era o dunha revista de estudos comarcais. Non deixa de ser sorprendente, nunha comarca de longa tradición xornalística, que deu lugar a múltiples cabeceiras, semanarios e revistas dende o século XIX ata a actualidade. Xornais como El Pueblo de Cariño ou La Voz de Ortigueira, revistas como Nordeste nas súas diferentes etapas, publicacións escolares como O Espigonciño… foron e son fundamentais para coñecer a nosa realidade comarcal. Sen embargo, nunca tivéramos unha revista de investigación e estudos como as que existen en moitos lugares da xeografía galega. Por citar algúns exemplos próximos, Cátedra en Pontedeume, Anuario Brigantino en Betanzos, Revista de Neda en Neda, Ferrol Análisis ou Papeis Ártabros en Ferrol, Hume en As Pontes e un longo etcétera.
Afortunadamente, dende hai uns meses o Ortegal conta cunha revista deste xénero, que agardamos teña longa vida. Un grupo de persoas a título individual, entre as que cabe citar a Xosé María Torres Bouza, José Manuel Suárez Sandomingo e José Manuel Bouzamayor, veñen de lanzar a revista Terras do Ortegal, para o cal crearon unha asociación co mesmo nome cuxo presidente é o farmacéutico ortigueirés Xosé María Torres Bouza. O primeiro número da revista presentouse este verán en Ortigueira e dende o pasado mes de outubro a asociación conta cunha directiva renovada. En breve está prevista a celebración dun acto en Cariño para presentar oficialmente a revista e explicar a planificación do segundo número (a publicación ten unha periodicidade anual).
O primeiro número, cunha extensión superior ás 180 páxinas, conta cunha imaxe de portada (que reproducimos con esta entrada) da autoría do fotógrafo Jorge Meis, mentres que Manuel M. Barreiro encargouse do deseño e maquetación. Segundo as primeiras liñas da editorial que abre este número inicial, “Terras do Ortegal nace coa intención de documentar o pasado, o presente e o futuro da nosa bisbarra co fin de poñer en man de todos os ortegaleses a súa historia e o seu futuro”. Entre a algo máis dunha ducia de traballos que compoñen este primeiro número cabe citar Ramón Armada Teixeiro, uno de los grandes poetas y periodistas de la emigración, a cargo de José Manuel Suárez Sandomingo; O cultivo do liño no Ortegal de Narciso Luaces; ou Don Federico Maciñeira e Don Julio Dávila. Unha relación de amizade exemplar de Carlos Breixo. Tamén queremos destacar, polo seu especial interese para nós, o estudo Denominaciones toponímicas en torno al Cabo Ortegal, do catedrático emérito de filoloxía Álvaro Porto Dapena. O autor, ben coñecido polos artigos de opinión e temas toponímicos que publicou durante anos tódolos domingos en Diario de Ferrol, non é a primeira vez que se achega ó estudo da toponimia do noso termo municipal, e de feito, ademais de varios artigos breves no citado xornal, publicou tamén un estudo de varias páxinas no libro Patrimonio e desenvolvemento local: reflexións e iniciativas dende o Concello de Cariño, que en 2010 publicou a institución municipal. Nesta ocasión, Porto Dapena proxecta o seu amplo saber sobre a complexa realidade toponímica do Cabo Ortegal, nun estudo moi recomendable que combina datos filolóxicos, cartográficos, históricos e incluso a recolleita de informacións orais das xentes do mar.
Dende a Agrupación Socialista de Cariño queremos desexarlle unha longa vida á revista Terras do Ortegal, agardando que os estudos sobre o noso termo municipal teñan unha presenza crecente neste novo proxecto editorial. A revista conta cun blog, ó que podes acceder aquí: