Esta semana, coas festas do Carme, chega unha das citas máis entrañables e sinaladas para as xentes do noso Concello. A Confraría de Pescadores Nosa Señora do Carme asume a organización dos festexos, que terán lugar o mércores 15 e o xoves 16 de xullo.
Ás 12 da mañá do mércores 15 lanzaranse 21 bombas de palenque que suporán o arranque das festas. Ás 18:30 a Praza da Marina acollerá un concerto da Rondalla de Cariño. Ás 20 horas terá lugar a habitual procesión para o traslado da Virxe á lonxa, que contará coa participación do Grupo de Gaitas San Xiao do Trebo, da Batería do Cariño e da Coral Polifónica (esta última actuará ante o edificio da Confraría). A posterior misa na lonxa estará acompañada do Coro Parroquial.
Pola noite, a partir das 22:30 horas, a verbena estará amenizada polas orquestras D’Moda e Ciudad Cristal.
O xoves 16 de xullo abrirase cun pasarrúas a partir das 9:30 da mañá no que participarán o Grupo de Gaitas San Xiao do Trebo e a Danza de Arcos da Confraría de Cariño. Ás 10:15 producirase a recepción de autoridades e un cuarto de hora máis tarde dará comezo a misa nas instalacións portuarias, coa actuación da Xove Banda de Narón.
A célebre procesión marítima, momento central da festa, partirá ás 11:30 da mañá. A partir das 14 horas trasladarase a virxe á igrexa e terán lugar as actuacións da Danza de Arcos, do Grupo de Gaitas e Baile San Xiao do Trebo e da Xove Banda de Narón.
Pola tarde, entre as 17 e as 21 horas, terá lugar o Divertineno, un evento gratuito para os máis pequenos. A partir das 22 horas a verbena estará amenizada pola orquestra Superfama.
Dende a Agrupación Socialista de Cariño queremos felicitar á Confraría de Pescadores de Cariño e agradecerlle o seu esforzo na organización das festas, así como desexarlle a toda a cidadanía que desfruten do programa festivo e do encontro cos seus familiares. As persoas que se acheguen de fóra de seguro que non se arrepentirán. O Concello de Cariño colabora na organización das festas.