Manifesto do PSOE con motivo do 8 de marzo de 2025, Día Internacional das Mulleres

Share Button

A igualdade de xénero non só é un dereito humano fundamental, se non que é un dos pilares básicos para conseguir un mundo pacífico, próspero e sostible. Conseguíronse algúns avances durante as últimas décadas, pero o mundo está lonxe de alcanzar a igualdade de xénero para 2030 como se recolle nos obxectivos do desenvolvemento sostible de Nacións Unidas.

Avanzar en igualdade de xénero é fundamental para crear unha sociedade sa en todos os seus ámbitos, dende a redución da pobreza ata a promoción da saúde, a educación, a protección e o benestar.

O lema escolleito por Nacións Unidas para este ano é “Para TODAS as mulleres e nenas: Dereitos. Igualdade. Empoderamento” ao que os e as socialistas nos unimos.

As mulleres e as nenas constitúen a metade da poboación e, polo tanto, tamén a metade do seu potencial. Pero a desigualdade de xénero prevalece e estanca o progreso social, por iso é vital que traballemos polo empoderamento das mulleres, especialmente das mozas e as nenas do noso país.

O empoderamento significa xerar unha maior autonomía para as mulleres, recoñecendo e visibilizando as súas achegas. Empoderarse implica participar plenamente en todos os sectores; o económico, o político e o social. Deste xeito, constrúense países e economías máis fortes e xustas, máis estables e que contribúen a mellorar a vida de todas as persoas, e isto é, sen dúbida, un reto para o Partido Socialista.

A realidade demostra que son moitos os ámbitos nos que a fenda de xénero, as diferenzas entre mulleres e homes, segue sendo un lastre para a nosa democracia e unha inxustiza manifesta para as mulleres.

No emprego, as diferenzas foron mellorando, pero seguen mostrando un mercado laboral que penaliza ás mulleres cuns salarios case un vinte por cento inferiores aos dos homes. Segundo os últimos datos dispoñibles da EPA 2023, o salario medio das mulleres foi de 2.063,2€ mensuais, mentres que o dos homes alcanzou os 2.467,9€.

Tratar a tódalas mulleres e homes de forma igualitaria no traballo é un dos fundamentos esenciais da igualdade de xénero e do noso obxectivo de empoderamento, por iso, aínda que as diferenzas salariais seguen sendo moi grandes, significativas, reducíronse nun 25% dende o ano 2018, entre outras cousas grazas ao continuo incremento do salario mínimo interprofesional.

Cando Pedro Sánchez chegou ao Goberno, o SMI situábase en 10.302,6€ anuais; en 2025 chega xa aos 16.576€ brutos anuais. Creceu un 61% dende que gobernamos os e as socialistas. O SMI nunca subiu con tanta intensidade e as maiores beneficiarias deste incremento foron as mulleres que precisamente cobran os salarios máis baixos.

Para seguir pechando a fenda de xénero no mercado laboral, traballaremos na implantación de políticas que favorezan e melloren a inserción laboral das mulleres nas profesións STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas), comezando pola sensibilización e pola promoción na infancia e na mocidade.

Que as mulleres ocupen a maioría dos contratos a tempo parcial ou que ocupen postos de menor responsabilidade ten moito que ver coa conciliación da vida familiar e laboral, cos usos do tempo: son máis mulleres que homes que coidan diariamente a outras persoas, un 41% fronte ao 33%, ademais, a porcentaxe de mulleres que realizan tarefas domésticas diariamente é moi superior á dos homes (64% fronte a 44%).

Pero nos últimos seis anos, o goberno progresista puxo en marcha medidas pioneiras para acadar a igualdade de xénero en diversos ámbitos: equiparamos e ampliamos os permisos de maternidade e paternidade de carácter intransferible, promovendo a corresponsabilidade no coidado dos fillos e fillas.

Impulsaremos unha acción política integral que permita un acordo de corresponsabilidade nos coidados. Este pacto é necesario para acadar o obxectivo de reducir o diferencial de horas que mulleres e homes dedican ao traballo doméstico e de coidados. A redución da xornada a 37,5 horas é xa un gran paso, agora o noso obxectivo será a elaboración dunha Lei de Usos do Tempo.

Promover a igualdade de xénero a todos os niveis supón garantir a presenza das mulleres nos espazos de poder do sector público, das grandes empresas, das sociedades cotizadas ou dos colexios profesionais. Por todo iso, aprobamos a Lei de Paridade que, sen dúbida algunha, resulta ser hoxe a mellor ferramenta para acabar co actual déficit democrático.

Empoderarse é adquirir conciencia individual e colectiva, gañar confianza e autoestima, ter o poder de decidir na vida cotiá; por iso seguiremos traballando decididamente pola coeducación xa que os centros educativos non son neutros; a escola forma parte do entorno e reprodúceo, e por iso que incluír os valores de igualdade, tolerancia e diálogo é altamente transformador.

Ademais, lexislaremos para protexer as e os menores nas entornas dixitais contra a pornografía e a incitación á prostitución. Impulsaremos decididamente a educación afectivo-sexual baseada no respecto, a igualdade e a dignidade das persoas.

Seguiremos defendendo que o corpo das mulleres e a súa maternidade sexan escollidos libremente por elas mesmas. A interrupción voluntaria do embarazo non debe ser unha arma ideolóxica dependendo do signo político que rexa. Para iso, traballaremos para blindar o dereito á interrupción voluntaria do embarazo na Constitución, garantindo que todas as mulleres teñan o dereito a decidir sobre o seu propio corpo e a súa maternidade.

O noso compromiso coa igualdade entre mulleres e homes é firme e abrangue todos os ámbitos da vida pública e privada. Só mediante unha acción política transversal e integral, que teña en conta tamén as diferenzas entre as mulleres, poderemos construír unha sociedade verdadeiramente igualitaria e xusta para todas e todos.

Dende o PSOE loitaremos contra a onda reaccionaria da ultradereita negacionista da igualdade, porque a mellor forma de combater o negacionismo é poñendo en marcha políticas de igualdade. Por iso defenderemos os avances conseguidos e a lexislación impulsada e ademais traballaremos para que a súa aplicación sexa efectiva en todos os ámbitos.

E queremos facelo da man de toda a sociedade, entre todas e todos, coas organizacións feministas, cos colectivos e tamén contando con todas as institucións.

Un ano máis alzamos a voz para dicir:

¡Que viva a loita das mulleres!

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.