Antonte, día 18 de maio, no marco do escenario electoral para a escolla do Parlamento Europeo, os socialistas de Cariño celebramos o noso acto central da campaña. Desta volta foi no Local Social do Concello onde, a partir das 12 da mañá, explicamos a nosa visión do que debe ser a política comunitaria aos abondosos veciños que optaron por achegarse.
Como xa tiñamos anunciado, o evento contou coas intervencións do noso Secretario Xeral, José Miguel Alonso Pumar, e dos deputados autonómicos Marisol Soneira e José Luis Méndez Romeu, quen actualmente exerce de voceiro do Grupo Parlamentario Socialista na cámara do Hórreo.
Comezou tomando a palabra José Miguel Alonso, quen fixo fincapé na relevancia da cita coas urnas neste escenario dramático que supón que xa máis de dous millóns de familias non dispoñan de ningún tipo de ingreso en España, namentres dende o Partido Popular insisten nunha recuperación económica ficticia que soamente avalan as grandes corporacións empresariais.
Pola súa banda, Marisol Soneira non quixo deixar pasar a ocasión de cuestionar a desastrosa negociación que se fixo da cota pesqueira do cerco e que, sen dúbida, afectará -e moito- aos armadores e mariñeiros da nosa vila. Ademais alertou sobre a cantidade de mozos que cada día abandonan a nosa terra para buscar un futuro mellor no estranxeiro sen que os gobernantes fagan algo útil por solucionalo.
Finalmente pechou o acto José Luis Méndez Romeu, apuntando que unha hipotética vitoria da dereita podería ser entendida polo Partido Popular como un cheque en branco para continuar practicando as súas políticas de recurtes ás clases traballadoras.
Dende o PSdeG-PSOE agradecemos o apoio mostrado pola veciñanza cara as nosas propostas e queremos pedir, dende a humildade pero coa certeza de que é posible unha Europa mellor, o apoio electoral á nosa formación o vindeiro día 25 de maio. Procuramos unha Europa centrada nas necesidades reais das persoas en contraposición a unha dereita política que se mostra cómoda supeditándose aos intereses financeiros duns poucos.
Ti moves Europa co teu voto. Vota PSOE.