Moción sobre os terreos de Portos de Galicia sen uso portuario

Share Button

No Pleno Ordinario do Concello de Cariño celebrado o xoves 28 de novembro o noso partido presentou tres mocións. De dúas delas (dragaxe no porto e depósito na praia da Basteira, e convocatoria de axudas do Concello) xa demos conta aquí en días pasados. Aquí reproducimos o texto da terceira, relativa ós terreos de Portos de Galicia sen uso portuario.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A Lei 22/1988, de 28 de xullo, de Costas, é o marco xurídico que define a protección e a utilización do dominio público marítimo-terrestre e especialmente  a ribeira do mar. O artigo 49 define a adscrición de bens de dominio público marítimo-terrestre ás Comunidades Autónomas para a construción de portos. No artigo 50 determínase o que acontece cando o espazo adscrito xa non é utilizado para un fin portuario, como acontece no caso de Cariño. Os bens de dominio público marítimo-terrestre adscritos a unha Comunidade Autónoma conforme ao previsto no anterior artigo, que non sexan utilizados para o cumprimento do fin aos que se adscribiran, ou que sexan necesarios para a actividade económica ou o interese xeral, segundo os artigos 131 e 149 da Constitución, reverterán ao Estado, previa audiencia da Comunidade Autónoma, polo procedemento que se determine regulamentariamente, e daráselles o destino que en cada caso resulte procedente.

A Lei 22/1988 no seu artigo 18 establece que poderán ser desafectos os terreos deslindados como dominio público que por calquera causa perderan as súas características naturais de praia, acantilado ou zona marítimo terrestre previo informe preceptivo do Concello e da Comunidade Autónoma. No artigo 19 establécese que os terreos desafectos incorporaranse ao Patrimonio do Estado e, cando non se xulgue previsible a súa afectación, poderán ser cedidos gratuitamente ao Concello, condicionándose a cesión a que teñan  unha finalidade de servizo público dentro das competencias municipais.

Isto é, a Lei de Costas obriga á Xunta de Galicia a devolver ao Estado os espazos portuarios que xa non están en uso, podendo ser cedidos con posterioridade aos Concellos unha vez desafectados, cesión que terá carácter gratuíto segundo a lei.

Tras diversas reunións entre Concello de Cariño, Portos de Galicia e a Demarcación de Costas, con data 13 de decembro de 2018 o Concello de Cariño solicita a declaración de innecesariedade para o DPMT de determinados terreos adscritos ao ente autonómico Portos de Galicia para servizo do Porto de Cariño. Así mesmo, a súa posterior reversión ao Estado, desafectación e cesión á administración local.

Fundamenta a solicitude de innecesariedade dos devanditos terreos entre outros aspectos en:

  1. Os terreos afectados atópanse totalmente integrados na trama urbana e inclúen numerosos edificios e espazos de uso público cotián -non portuario- polos que a administración local debe desembolsar periodicamente a Portos de Galicia unha elevadísima suma económica polo seu uso veciñal.
  2. Todas e cada unha das áreas citadas (prazas, zonas verdes, antigas fábricas cedidas ao Concello…) deben ser conservadas pola administración local, entidade que por tanto non só paga taxas por uso senón que ademais sufraga tales gastos de mantemento.
  3. Existe incumprimento de artigo 105.2.b do Real Decreto 876/2014, do 10 de outubro, polo que se aproba o Regulamento Xeral de Costas, ao existir unha ocupación para usos non portuarios en máis do 10 % da superficie de terra do Porto de Cariño.

En setembro do ano 2021 a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) chegou a un acordo con Portos de Galicia e a Xunta de Galicia para resolver esta situación, co obxectivo final de que os Concellos reciban de forma gratuíta os espazos portuarios en desuso tal e como permite a Lei de Costas.

Portos de Galicia marcou o 15 de outubro de 2021 como data límite para que os Concellos presentasen as súas solicitudes e o Concello de Cariño fixo os trámites en tempo e forma.

Por Resolución da Dirección Xeral da Costa e o Mar de data 27 de abril de 2023 autorízase á Demarcación de Costas de Galicia para que leve a cabo a incoación do expediente de declaración de innecesariedade para a protección do dominio público de terreos adscritos a Portos de Galicia, afectados polos deslindes aprobados por OO:MM: do 9 de novembro de 1971 e 3 de xuño de 1994, no termo municipal de Cariño (A Coruña).

O 30 de novembro de 2023 o Pleno Municipal aproba por unanimidade:

PRIMEIRO: Solicitar a declaración de innecesariedade dos terreos especificados no informe técnico de data 22/05/2023, para a posterior reversión, desafectación e cesión a favor do Concello de Cariño a efectos de aplicación do previsto nos artigos 4.5 e 18 da Lei 22/1988 de Costas, Disposición Adicional Terceira da Lei 2/2013 de modificación da Lei 22/1988, así como os artigo 27.1ª e 38 do Regulamento Xeral de Costas e Lei 33/2003, ao respecto da declaración de innecesariedade.

SEGUNDO: Acordar que de producirse a desafectación e cesión dos terreos ao Concello de Cariño, estes se adicarán ao uso público e gratuíto.

TERCEIRO: Aceptar e tomar coñecemento da situación rexistral das parcelas/inmobles afectados obxecto de desafectación, aos efectos establecidos no artigo 136.2 da Lei 33/2003.

Por todo exposto, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Cariño, propón ao Pleno da Corporación a adopción dos seguintes

ACORDOS:

Unha vez iniciado o expediente por parte da Demarcación de Costas e aprobado por parte do Pleno Municipal:

– Instar a Portos de Galicia e á Xunta de Galicia a que cumpran coa maior celeridade posible os acordos tomados coa Federación Galega de Municipios e Provincias en setembro de 2021, e faciliten a tramitación da declaración de innecesariedade solicitada polo Concello de Cariño.

– Solicitar a Portos de Galicia a modificación da Lei 6/2017 de Portos de Galicia e exima do pago de taxas aos concellos galegos pola utilización de espazos portuarios -especialmente en aqueles en desuso- cando as concesións ou actividades temporais dos Concellos teñan un evidente interese público.

En Cariño, a 24 de novembro de 2024

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.