Este sábado, 13 de xaneiro, o noso partido celebrou en Teo o seu III Congreso Provincial ordinario, no que Valentín González Formoso, Alcalde de As Pontes e Presidente da Deputación, resultou elexido Secretario Xeral Provincial. Deste xeito, Valentín convírtese no cuarto compañeiro que ocupa este cargo dende que o PSOE adoptara en Galicia a estrutura organizativa provincial, sucedendo a Salvador Fernández Moreda, Francisco Caamaño e Julio Sacristán.
A este congreso chegouse tras un proceso de primarias ó que concurriron dúas candidaturas, a de Valentín González e a da militante compostelá Mercedes Rosón. Previamente confluíran en torno a elas os proxectos de varios precandidatos que tiñan anunciado a súa intención de participar no proceso. O cónclave celebrouse nun clima de unidade e integración. De feito, a propia Mercedes Rosón e outras persoas da súa candidatura forman parte da nova Executiva Provincial.
A nova Executiva Provincial recibíu un amplo apoio (superior ó 85 %) e nela ocupa un lugar destacado o noso compañeiro e Alcalde José Miguel Alonso Pumar como Vicesecretario de Coordinación Institucional. Trátase dunha das catro vicesecretarías creadas para facilitar a coordinación política da nova dirección. Xunto a elas, outras posicións relevantes son a Presidencia, ocupada polo rexidor de Dumbría José Manuel Pequeño, e a Secretaría de Organización, cuxo responsable será José Manuel Lage Tuñas.
Dende aquí queremos felicitar ó noso compañeiro José Miguel Alonso pola elección para este cargo, que supón un recoñecemento á súa valía política e un orgullo para a nosa Agrupación. A nova dirección provincial terá entre os seus obxectivos prioritarios a preparación das eleccións municipais de 2019, na que o partido aspira a revalidar as alcaldías que ocupa actualmente e a conquistar outros gobernos municipais.
No congreso elexíronse tamén os outros órganos provinciais, entre os que destaca o Comité Provincial, máximo órgano de decisión entre congresos, do que formará parte o noso compañeiro Jonathan Miranda. Esta cita supón un novo chanzo no ciclo congresual que se abríu coa reelección de Pedro Sánchez na secretaría xeral do PSOE e proseguíu coa elección de Gonzalo Caballero como Secretario Xeral do PSdeG. En breve procederase á renovación das direccións locais, que pechará o presente ciclo congresual ordinario e abrirá definitivamente unha nova etapa no partido.