Novo ano, novos retos

Share Button

Hai agora un ano anunciamos unha pausa na incorporación de contidos a esta páxina web coa finalidade de recobrar forzas e acometer diversos cambios. Por diversas razóns este proceso dilatouse bastante máis do previsto. De feito, a renovación da web aínda non está rematada, se ben hai meses que o seu novo deseño, que opera co xestor de contidos de WordPress, xa é visible.

O 2017 foi un ano complexo e de moito traballo, tanto a nivel municipal como orgánico. No apartado da xestión municipal, o traballo realizado á fronte do Goberno Municipal polo Grupo Municipal Socialista dende o comezo da lexislatura vén de ser resumido nunha nova entrega do Boletín de Información Municipal que foi distribuída nestas datas de nadal que agora rematan. A nivel orgánico o noso partido afrontou o ciclo congresual ordinario que levaba tempo pendente e que, de momento, deu lugar á renovación das direccións federal e galega, en ambos casos mediante eleccións primarias coa participación de toda a militancia. A nova dirección provincial saíra elexida do Congreso Provincial que, precedido tamén dunhas primarias, terá lugar o vindeiro sábado. Finalmente, chegará a renovación das executivas locais. O 2018 será un ano importante no eido político, no que debemos fortalecer a alternativa ás duras políticas da dereita e prepararnos para as eleccións municipais de maio do 2019. De todo elo, e tamén doutros asuntos importantes, agardamos dar conta nesta páxina.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.