Ortegal aposta forte pola cultura

Share Button

O Concello de Cariño, e en xeral a comarca do Ortegal, adoitan caracterizarse por unha intensa actividade cultural que acada o seu momento álxido nos meses de verán. Nesta entrada queremos deternos en diversos eventos merecedores de atención.

No momento de redactar estas liñas a XL Mostra de Teatro Galego de Cariño traspasou xa o seu ecuador. Contando dende hai décadas cun notable prestixio no ambiente cultural galego, a mostra deu este ano un salto de calidade para conmemorar o seu corenta aniversario. É de salientar o esforzo de xestión realizado pola Concellería de Cultura que lidera Jonathan Miranda para artellar un completo programa integrado por 19 actuacións (teatro para adultos e infantil, actuacións musicais, circo, etc.) e dotado dun excelente respaldo publicitario que incluíu unha web propia, o excelente cartaz do afamado debuxante Luis Dávila e un útil programa de man.

A Mostra de Teatro de Cariño é unha peza principal da historia cultural do noso Concello e como tal debe ser preservada, estudada e reivindicada. A este respecto cómpre saudar achegas recentes ó estudo da historia da Mostra e dos seus precedentes, como as páxinas de José Manuel Suárez Sandomingo no seu libro Historia del cine y el teatro en la comarca del Ortegal (Lugo, Axac, 2017, páxs. 155-189) ou o artigo que Rafael Soneira publica no número 5 (2018) da revista Terras do Ortegal, presentado en Cariño hai escasas datas.

O teatro dará lugar á Noite de Rock que desfrutaremos o vindeiro sábado 18 de agosto a partir das 22:30 h. na Praza Roxa. Seguindo a estela do Ortegal Rock, festival creado durante a nosa anterior etapa no goberno municipal, nesta ocasión subirán ó escenario os grupos Riff Raff, O’Funk’illo e Heredeiros da Crus, unha combinación que asegura calidade e diversión a partes iguais.

Fóra do noso Concello queremos referirnos a outros dous eventos relevantes que tiveron ou terán lugar nestas datas. O pasado sábado 11 de agosto celebrouse lugar no Museo Etnográfico de Meixido (Freires, Ortigueira) unha homenaxe a Narciso Luaces, fundador do citado museo, coincidindo co 19 aniversario da súa apertura. O acto consistíu nunha visita guiada ó museo e na presentación do libro Homenaxe a Narciso Luaces Pardo. O infatigable compromiso coa terra, coeditado por Terras do Ortegal e La Devesana. Este libro, que inclúe traballos de Carlos Breixo, Bernardo Penabade e Vicente Peña, entre outros, supón un achegamento á vida e obra de Narciso Luaces e da súa dona Hermina Covelo, xa falecida, quenes trala súa xubilación crearon o citado museo, que reúne na actualidade máis de 3.000 pezas e constitúe un legado patrimonial de gran importancia que é prioritario preservar. Narciso é ademais autor de dous libros e varios artigos sobre etnografía e historia da comarca.

Por último, cómpre referirse ás VIII Xornadas Memoria dun Tempo que, organizadas pola asociación Nordés, terán lugar os días 23 a 25 de agosto no Barqueiro. Con carácter anual, estas xornadas queren servir de homenaxe ós republicanos represaliados polo franquismo e fomentar o coñecemento desas etapas da nosa historia. O programa deste ano inclúe a proxección do documental Asolagados de David Vázquez (2013) e unha conversa co director, a charla Políticas para a modernización do rural galego no franquismo a cargo de Alba Díaz Geada e a tradicional Homenaxe a Republicanxs e Libertarixs.

Dende a Agrupación Socialista de Cariño expresamos o noso recoñecemento ós promotores de todas estas actividades, que, ademais de servir para o enriquecemento cultural da nosa comarca, contribúen tamén ó seu desenvolvemento socioeconómico.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.