O pasado 12 de outubro publicamos nesta páxina unha entrada titulada Os recurtes no ensino dun goberno á deriva: Cariño perde 12 docentes en catro anos. Nela dabamos conta dun estudo realizado por Antonio Álvarez Cisneros, Secretario de Educación da Executiva Provincial do PSdeG, que reflexaba a supresión de 900 prazas de profesorado nos centros de ensino da provincia durante os últimos catro anos. Xa entón subliñamos que a comarca do Ortegal sitúase entre as máis afectadas polos recurtes, tendo perdido Cariño un total de 12 prazas de profesorado entre 2010 e 2014, seis delas no colexio e outras tantas no IES Cabo Ortegal. Nesta entrada queremos voltar sobre a cuestión, acrecentar algúns datos e reflexionar sobre a súa trascendencia.
Lamentablemente, non é a primeira vez que os recurtes educativos protagonizan a actualidade política no noso Concello. Hai xusto un ano, o 23 de novembro de 2013, celebramos unha charla-coloquio en Cariño coa presenza de Álvarez Cisneros, que estivo acompañada da publicación de varias entradas nesta web, onde advertíamos que a comarca do Ortegal era a máis perxudicada polos recurtes da Xunta en Educación, acusando entre 2009 e 2013 un descenso dos investimentos en funcionamento de 50.642 euros, que supoñen unha porcentaxe do 20’8 %. Estas cifras da nosa comarca resultan particularmente graves se temos en conta que a media de recurte no gasto no periodo citado situouse na nosa provincia no 10’75 %, o cal quere dicir que a porcentaxe do recurte do gasto educativo no Ortegal foi practicamente o doble da media provincial (ó tempo que o IPC subíu un 9’4% neses anos). En Cariño o gasto educativo experimentou un recurte de 3.267 euros en Infantil e Primaria e de 4.056 euros en Secundaria.
Entón referiamonos a gastos de funcionamento (material, fotocopias, calefacción, actividade extraescolar, etc.). O dramático é que agora, cando se trata de recurtes nas plantillas de profesorado, a nosa comarca volta a estar en cabeza.
Máis preocupante aínda é que, dentro da propia comarca, sexa Cariño o concello que sofre a maior redución de persoal docente. En cifras totais, a comarca pasa de 293 a 258 docentes nos últimos catro anos: en Cariño suprimíronse 12 postos docentes, en Cedeira 11, en Cerdido 1, en Mañón 1, en Moeche 3 e en Ortigueira 9. Ningún Concello se libra do recurte, pero o caso de Cariño resulta especialmente sangrante en termos porcentuais e absolutos. En termos porcentuais só Moeche, cun recurte dun 25% na súa plantilla de profesorado, supera á redución de case o 20% que acusa Cariño. En Cedeira a redución é inferior ó 10% das plantillas dos seus centros (case a metade que en Cariño) e en Ortigueira sitúase no 12%.
Dende a Agrupación Socialista de Cariño entendemos que a situación é preocupante e debería preocupar a toda a cidadanía cariñesa. Sen embargo, é triste constatar que a única voz que no ámbito político se alza contra esta situación é a nosa. Tanto o PP como o BNG locais amósanse alleos a unha realidade difícil de asumir e que pode situarnos nunha dinámica perigosa: sería terrible trasladarlle ás administracións supramunicipais que Cariño é un lugar onde poden recurtarse servizos sen que nada suceda. Cabe engadir, ademais, que, tal e como nos teñen trasladado algúns profesionais do ensino, as asignacións presupostarias non teñen en conta parámetros e pecularidades como a localización xeográfica dos centros, que obviamente poden perxudicar aínda máis a lugares periféricos como esta comarca. Por exemplo, unha visita á Casa das Ciencias non lle custa o mesmo a un colexio do Ortegal que a un situado na Coruña.
Dende o noso punto de vista, é preciso abrir un debate público sobre a trascendencia destes feitos, sobre o papel que os centros de ensino públicos están chamados a xogar no futuro deste Concello e sobre a implicación que a administración municipal debe ter no apoio e promoción da nosa comunidade educativa. Estes son, entre moitos outros, temas que conforman hoxe a nosa axenda de traballo e que darán lugar a propostas que poremos sobre a mesa nun futuro inmediato.