Polideportivo municipal: un ano pechado

Share Button

O pasado 8 de novembro de 2023 o Concello de Cariño emitía un comunicado informando do peche do Polideportivo Municipal debido a desperfectos causados por un temporal que tivo lugar naqueles días. Un ano despois, aínda non temos novas sobre súa reparación e apertura.

O Polideportivo é o único edificio municipal que permite a práctica deportiva a cuberto. Ademais, debido á proximidade ó Colexio, é utilizado polo seu alumnado para as actividades de Educación Física. En maio de 2023, froito dunha colaboración entre o Concello e a asociación Os Corzos de Ortegal e logo dunha campaña de micromecenado, instalouse un rocódromo que permite a iniciación á escalada para toda a veciñanza que o desexe.

Estamos a falar dun edificio de máis de 30 anos e que precisa un importante traballo de renovación. Por este motivo, o goberno socialista encargou na pasada lexislatura a redacción dun plan de reforma integral dividido en tres fases:

  • Acondicionamento da cuberta: 138.909,23€.
  • Adecuación da pista: 101.161,95€.
  • Adecuación de acceso e vestiarios: 74.680,35€

Unha vez redactados os proxectos, o equipo de goberno socialista buscou o financiamento necesario para iniciar os traballos. Despois de varias conversas co Presidente da Deputación da Coruña, obtivemos o compromiso de financiamento, nun 80%, da primeira fase (acondicionamento da cuberta do Polideportivo) así como a reforma da cuberta da Casa de Cultura, unha obra tamén moi necesaria.

O importe total das dúas obras ten un custo de 239.448,13€, dos que a Deputación da Coruña achega 191.558,50€ e o Concello de Cariño a cantidade de 47.889,63€. Para poder asinar o convenio de colaboración entre as dúas administracións, é necesario obter os permisos sectoriais de diferentes entidades: Augas de Galicia, Servizo de Xestión Cultural e Servizo de Urbanismo da Xunta de Galicia e Demarcación de Costas.

En xuño de 2023, data de toma de posesión da nova Corporación, só faltaba por chegar o permiso do Servizo de Urbanismo da Xunta de Galicia, que se recibe en febreiro de 2024. Dende esta data, non existe impedimento para asinar o convenio e licitar as obras.

O Grupo Municipal Socialista pregunta en cada Pleno sobre a situación do Polideportivo e a axuda comprometida pola Deputación da Coruña. O Goberno Municipal dí que “está á espera dunha reunión”, pero despois de ano e medio de goberno e un ano coa instalación pechada, non vemos avances. Semella que acometer as reformas do Polideportivo Municipal non é unha prioridade para o actual equipo de goberno do Partido Popular.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.