Na entrada que publicamos nesta web o domingo 19 de outubro informamos da apertura dunha nova etapa na dirección provincial do noso partido tralo abandono do exministro Francisco Caamaño. O prazo para a recollida de avais está aberto ata mañá, polo que esta fin de semana os precandidatos que deron o paso de presentarse ás primarias para Secretario Xeral Provincial apuraron os contactos e as reunións coa militancia a fin de explicar o seu proxecto e recabar apoios. Inicialmente foron cinco os militantes que se postularon: os alcaldes de Ares, Culleredo e Oroso, Julio Iglesias, Julio Sacristán e Manuel Mirás respectivamente; o exvoceiro municipal en Teo e histórico militante Jano Leis; e o militante ferrolán, membro da Executiva Local na cidade departamental, Celso Posada. Para adquirir a condición de candidato oficial nas primarias que terán lugar o vindeiro 30 de novembro cada un deles deberá recoller o aval do 20% como mínimo e do 30% como máximo do total do censo válido de militantes da provincia.
Este sábado 15 de novembro recibimos na Agrupación Socialista de Cariño a dous dos precandidatos. O Alcalde de Oroso, Manuel Mirás, celebrou ás 12 da mañá unha reunión coa Executiva Local. Pola súa parte, o Alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, reuníuse coa militancia ás 8 da tarde. Ambos foron encontros productivos e interesantes, nos que os candidatos explicaron os seus proxectos para o socialismo provincial nun futuro que se presume intenso, ó celebrarse en maio do vindeiro ano as eleccións municipais e uns meses despois as xerais. Queremos agradecerlles a deferencia de térense achegado a Cariño para compartir ideas e propostas. O outro candidato que neste proceso achegouse ó Ortegal foi o Alcalde de Ares, Julio Iglesias, que hai uns días celebrou un acto comarcal en Ortigueira.
Este sábado coñecimos tamén a renuncia dun dos candidatos, Jano Leis, por discrepancias co desenvolvemento do proceso. Porén, éste anunciou a súa intención de continuar adiante co seu proxecto de renovación orgánica e ideolóxica Punto e aparte, iniciativa que saudamos positivamente por tratarse dun compañeiro comprometido, ben preparado para o debate ideolóxico e que sen dúbida ten moito que aportar.
Nos vindeiros días irémosche informando do desenvolmento deste proceso de renovación orgánica.