Os catro concelleiros socialistas, constituídos en Goberno Municipal dende o pasado 13 de xuño, manteñen nestas últimas semanas unha intensa actividade. Boa parte dos seus esforzos neste inicio de lexislatura, como non podía ser doutro xeito, estanse centrando en preparar a tempada de verán que xa está aquí: desbroces, limpeza de praias, acondicionamento do paseo marítimo, contratación de persoal, etc.
O Concello vén de crear unha páxina oficial en Facebook baixo o nome Concello de Cariño, onde podes informarte puntualmente de toda a actualidade municipal. Convidámoste a seguila para non perder detalle.
Por outra parte, o pasado mércores 1 de xullo o Boletín Oficial da Provincia publicou o Decreto da Alcaldía 380/2015, que recolle a distribución das áreas de responsabilidade dos membros do Goberno Municipal. Así, Alberto Iglesias Fraguela (1º Tenente de Alcalde), é concelleiro delegado da área de Infraestruturas, Espazos Públicos e Desenvolvemento Sostible, que comprende Obras municipais, Servizos Municipais (iluminación pública, limpeza viaria, xardíns) e Urbanismo. Pola súa parte, María José Fraguela López (2ª Tenente de Alcalde) é concelleira delegada da área de Servizos Sociais e Atención Cidadá, que comprende Servizos Sociais, Igualdade, Benestar Social, Persoas maiores, Muller, Sanidade e Atención ao cidadán. Finalmente, Jonathan Miranda Lucas (3º Tenente de Alcalde) é o concelleiro delegado da área de Facenda, Cultura, Educación, Xuventude e Deporte, que comprende Economía, Facenda, Cultura, Deporte, Tempo libre e Xuventude. Nos vindeiros días celebrarase a primeira sesión plenaria da presente lexislatura, onde está previsto que se concreten outros aspectos organizativos para os vindeiros catro anos.
Hai moito por facer e os retos son múltiples, pero hai tamén moita ilusión e gañas de traballar.