Resumo do Pleno Ordinario celebrado o 27 de marzo

Share Button

O pasado xoves, 27 de marzo, tivemos Pleno Ordinario no Concello. Pasamos, a continuación, a explicar a nosas posicións e os principais asuntos tratados no mesmo.

No punto 3 da Orde do Día debatíuse unha proposta de modificación de crédito. A mesma consiste en mover cartos consignados para o pago de salarios de prazas de Servizos Sociais que non están cubertas para outras partidas. A nosa posición foi favorable, xa que son cartos que, se non se moven, non se van a utilizar. Sen embargo, na nosa intervención puxemos de manifesto o cambio de parecer do Partido Popular, agora favorable, mentres que en novembro de 2021, estando na oposición, manifestaban o seguinte: ”Ana María López di que eles se van a abster porque lle parece incorrecto sacar eses cartos de servizos sociais xa que se trata dunha área que necesita bastante apoio”. “Agora se están a coller cartos do orzamento para outras partidas, e que esa é a súa queixa, que haberá que mellorar os servizos sociais con eses cartos”.

Votamos favorable a proposta do punto 4: recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 27.458,77 € (son facturas que entraron o último día do ano).

Dende o Grupo Municipal Socialista presentamos dúas mocións para debate no Pleno, que publicaremos nesta web nos vindeiros días. A primeira delas ten que ver co 8 de marzo. Día Internacional da Muller e foi aprobada cos vosos favorables do PSdeG-PSOE e do BNG, e o voto en contra do PP.  Aproveitamos para preguntar ao Equipo de Goberno o motivo polo que non se convocou á veciñanza o día 8 de marzo para realizar unha concentración e a lectura dun manifesto, tal e como se fixo en anos anteriores e como fixeron o martes 11 de marzo, Día Europeo en Memoria das Víctimas do Terrorismo (aínda que enviaron o aviso no bandomóvil e nas redes sociais ás 11:15 horas do mesmo día, sendo a convocatoria para as 12 horas).

O equipo de goberno contestou que non se fixo porque a Deputación non enviou ningún documento ou manifesto, que o día coincidía en sábado, e porque os concellos veciños non realizaron ninguna actividade (afirmación rotundamente falsa: tanto Cedeira como Ortigueira, concellos limítrofes, organizaron actividades o 8 de marzo, tal e como e pode comprobar nas súas redes sociais). Os argumentos expostos non nos convencen, e percibimos falta de interese por parte do Goberno Municipal en conmemorar este día tan importante.

A nosa segunda moción solicita a creación dunha Unidade de Rehabilitación Cardíaca na Área Sanitaria de Ferrol e foi tamén aprobada cos votos favorables de PSdeG e BNG, recibindo novamente o voto en contra do PP. A Alcaldesa xustificou o voto do seu grupo cuns argumentos moi cuestionables, como que xa se contempla nas obras do hospital e que alí xa saben o que hai que facer, ou que cando vas cun problema de corazón, xa te atende un cardiólogo…

Dende o noso grupo solicitamos a retirada da moción sobre o Xulgado de Paz presentada polo BNG. Ao noso entender, o acordo da mesma (pedir ao equipo de Goberno que contrate a unha persoa sen realizar un proceso selectivo) vulnera a legalidade no que respecta ao acceso á función pública.

Segundo a Lei (do ano 1967), a persoa que desempeñe as funcións da Secretaría do Xulgado de Paz, tanto que sexa persoal municipal ou designada por “idoneidade”, non desempeña unha relación laboral nin dispón dunha protección social e cobra unha pequena indemnización. Non estamos de acordo con estas condicións, pero dende o Pleno o único que podemos facer é instar á administración competente sobre esta materia a que as cambie.

Por outro lado, entendemos que estas condicións repercuten no servizo do Xulgado, xa que só abre tres horas á semana, tempo insuficiente para prestar o servizo que a veciñanza require. Dende o Grupo Socialista solicitamos a convocatoria urxente por parte da Alcaldesa dunha Xunta de Portavoces, na que se valoren as necesidades reais do Xulgado de Paz e, dentro das competencias municipais, atopar unha solución.

Rogos e preguntas

Por parte do noso Grupo plantexamos o seguinte:

– Como levamos facendo dende hai bastantes Plenos, pedimos a creación de videoactas, coa posibilidade de que toda a veciñanza poda ver os Plenos en streaming. Tamén solicitamos que colguen na páxina web as actas, para que a poboación poda ler os acordos adoptados.

– Reiteramos a petición do pintado da parada de taxis.

– Preguntamos o motivo de que non se volva a licitar a obra das rúas Río Miño, Sor e Sanchola, que quedou deserta en decembro de 2023 e non volvimos a saber nada da mesma. Non respostaron.

– Pedimos que se solucione o problema dos arrastres na zona do cementerio de A Pedra. Cando chove moito, os arrastres de terra, pedras, restos de vexetación, etc. chegan ata as casas, facendo intransitable a rúa.

– Os días 26 de febreiro e 24 de marzo, o equipo de goberno colgou na páxina web dous anuncios referentes ao Plan de Localización Axenda 2030 Concello de Cariño, redactado logo dunha subvención solicitada polo goberno anterior no ano 2022. Preguntamos polo calendario de implantación do mesmo. Contestan que non o hai e que non van a facer nada máis.

– Preguntamos se xa teñen unha data para o inicio da Aula Mentor. Hai varios Plenos comentaron que xa estaba todo listo, pero polo de agora non está operativa.

– Pedimos que se coloque unha porta na Casa Rectoral de A Pedra. A que había está rota e agora hai un contenedor para evitar o acceso á mesma.

– Preguntamos á Alcaldesa cando vai a convocar a Xunta de Portavoces que solicitamos hai un mes, o día 25 de febreiro. Esperan que pronto.

– Pedimos que nos informen de datas concretas para a apertura do Polideportivo Municipal. Preguntamos que vai a pasar coas axudas comprometidas pola Deputación para o arranxo das cubertas do Polideportivo e Auditorio, se se van a perder. Contestan que non teñen un cronograma para a apertura do Polideportivo, e sobre as axudas da Deputación, que se non as hai, non se poden perder. Cando se reúnan coa Deputación (despois de case dous anos aínda non o fixeron) seguro que obterán máis información sobre as mesmas.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.