Resumo do Pleno Ordinario celebrado o 28 de novembro (2ª parte)

Share Button

Dando continuidade á entrada anterior, completamos aquí o resumo do acontecido no Pleno Ordinario no Concello de Cariño celebrado o xoves 28 de novembro.

No punto cuarto da Orde do Día tomamos en consideración a renuncia, moi ao seu pesar e por motivos laborais, da nosa compañeira Carmen del Río. Aproveitamos este texto para agradecerlle o seu traballo nestes anos, tanto no Goberno Municipal na lexislatura anterior como na oposición durante a lexislatura actual, e desexámoslle moito éxito na súa carreira profesional.

Pasamos ao punto final de Rogos e preguntas. Dende o Grupo Municipal Socialista plantexamos os seguintes asuntos:

  • Pedimos a creación de video-actas, coa posibilidade de que toda a veciñanza poida ver os Plenos en streaming.
  • Logo dunha conversa coa Federación Galega de Montañismo, solicitamos a instalación da sinalización do punto de escalada “O Cravadoiro”, situado en Landoi. Tamén comentamos a necesidade de limpeza do acceso ás vías.
  • O martes 26 de novembro o Concello publicou no BOP as bases do campamento Concilia Cariño Nadal 2024/2025. Quedamos sorprendidos cando vemos que as inscricións teñen que realizarse a través da páxina web da empresa adxudicataria do contrato, e non a través do rexistro do Concello. Tamén nos sorprendeu un apartado da inscrición que di que se as familias non envían a documentación necesaria antes das 24 horas seguintes de realizar a solicitude, esta enténdese desistida, saltando, ao noso entender, a lei de procedemento administrativo. O Equipo de Goberno informa que o vai a revisar.
  • Recordamos a petición do pintado vial da parada de taxis que o colectivo de taxistas de Cariño fixo por escrito hai 9 meses.
  • Preguntamos pola situación do Plan Especial do Casco Antigo. A Alcaldesa informa que segue igual, que non hai avances.
  • Solicitamos información sobre a obra “renovación de pavimentos nas rúas Río Miño, Río Sor e Sanchola”, aprobada en xaneiro de 2023. O Equipo de Goberno informa que segue igual, pendente de modificación do proxecto para volver a licitar, tal e como nos informaron no Pleno anterior.
  • Na anterior lexislatura solicitamos para Cariño a implantación dun Aula Mentor. É un programa de formación a distancia para persoas adultas. A diferenza con outros programas é que dispón dun espazo físico para facilitar o acceso, información, orientación e matrícula no programa. Segundo comentan, estará dispoñible en breve.
  • Preguntamos á Alcaldesa se hai algunha novidade sobre a cobertura da praza de médico de familia vacante no Centro de Saúde. Contesta que non se cubríu, e que está un médico interino.
Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.