Reversión dos terreos de Portos de Galicia: lamentablemente, Cariño non é unha prioridade

Share Button

O pasado 18 de decembro a Xunta de Galicia publicaba na súa páxina web unha nota de prensa na que informaba sobre o acordo ao que chegaban co Concello da Guarda sobre o procedemento de reversión de terreos.

Segundo informan na propia nota, “a reunión co Concello da Guarda dá continuidade ás celebradas nos últimos días cos concellos de Cangas, Vilanova de Arousa e Foz para abordar a tramitación da primeira fase de reversións de terreos innecesarios para o uso portuario á Administración Xeral do Estado. O obxectivo é pechar as propostas definitivas destes portos para trasladalas, xunto coa de Santa Cruz, en Oleiros, xa pechada dado que inclúe o total da superficie portuaria, á Consellería de Facenda, que a elevará a proposta conxunta desta primeira fase ao Consello da Xunta. Unha vez aprobada polo Executivo galego, remitirase ao Ministerio de Transición Ecolóxica para a súa tramitación e, no seu caso, aprobación final en Consello de Ministros”.

O Presidente de Portos manifestou na Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia, a pregunta do Grupo Parlamentario Socialista, que as devolucións ao estado dos terreos destes cinco portos (Cangas, Vilanova de Arousa, Foz, A Guarda e Santa Cruz, en Oleiros) “serán ratificadas polo Consello Rector de Portos de Galicia en xaneiro tras o Nadal” (nota de prensa da Xunta de Galicia de data 20 de decembro).

Dende a Agrupación Socialista de Cariño lamentamos que este Concello non sexa unha prioridade para a Xunta de Galicia e que o propio equipo de goberno municipal do Partido Popular non solicite con urxencia o inicio do expediente por parte de Portos de Galicia tendo en conta, ademais, que o Pleno aprobou por unanimidade unha moción presentada polo Grupo Municipal Socialista sobre este tema.

Procedemento de reversión

A Lei de Costas obriga á Xunta de Galicia a devolver ao Estado os espazos portuarios que xa non están en uso, podendo ser cedidos con posterioridade aos Concellos unha vez desafectados, cesión que terá carácter gratuíto segundo a lei.

No caso de Cariño, podemos citar como exemplo destes espazos a Praza Roxa, o “campín”, antigas fábricas, os terreos onde están situados a Casa do Concello ou o Mercado, etc. Na actualidade o Concello, ademais de encargarse do mantemento, ten que pagar a Portos de Galicia polo seu uso. Unha vez aprobada a reversión, o Concello aforraría moitos cartos que lle estamos pagando a dita entidade.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.