O Pleno Municipal do martes 4 de novembro aprobou unha retribución en réxime de adicación parcial (75 % da xornada laboral) para a concelleira do BNG Inés Martínez Deus, responsable das concellalías de Obras, Servizos Básicos, Cultura, Xuventude e Medio Rural. A retribución mensual bruta é de 1933’17 euros en catorce pagas. A proposta aprobouse cos votos favorables do BNG e a abstención dos grupos socialista e popular.
O Grupo Municipal Socialista mantivo sempre a mesma postura no tocante á retribución dos cargos públicos que integran o Goberno Municipal do Concello de Cariño. Dito posicionamento pode resumirse en dous principios fundamentais.
En primeiro lugar, consideramos que un Goberno Municipal elexido democraticamente debe dispor de liberdade para decidir o réxime de adicación e retribución dos seus membros, sempre que as decisións adoptadas se sitúen dentro da legalidade vixente e nuns parámetros razoables. En segundo lugar, sempre defendimos que o Goberno Municipal dun concello como o de Cariño debe contar polo menos cunha persoa –preferiblemente o seu Alcalde ou Alcaldesa- adicada exclusivamente á xestión municipal. Asumindo o primeiro dos principios enunciados, o noso voto no Pleno foi de abstención.
Sen embargo, non queremos deixar de salientar o chocante que resulta que a Alcaldía propuxese ó Pleno a adopción deste acordo cando restan apenas seis meses para as vindeiras eleccións municipais. A presente lexislatura está esgotada, e o principal calificativo que merece é o de fracaso estrepitoso. A estas alturas, tódalas esperanzas da cidadanía están postas en que un novo Goberno Municipal, saído dos comicios de maio de 2015, sexa capaz de enderezar o rumbo deste Concello despois de catro anos perdidos.
O feito de que a só seis meses das eleccións o Goberno Municipal decida rachar co principal sinal de identidade da súa lexislatura, asignándolle unha retribución a unha Concelleira do seu grupo, é un recoñecemento implícito do seu fracaso.
No Pleno expresamos tamén a nosa queixa polo uso abusivo que este Goberno Municipal vén facendo das convocatorias plenarias en horario laboral de mañá, en lugar de facelo a última hora da tarde ou os sábados pola mañá, como foi costume habitual dende a creación deste Concello en 1988. Ó convocar as sesións plenarias en horario laboral, cando a cidadanía ten maiores problemas para asistir, dá a impresión que se tenta minimizar a repercusión de certos debates celebrándoos nun horario no que a asistencia de público vai a ser previsiblemente menor.