Sobre a dragaxe no porto e o depósito na praia da Basteira

Share Button

O pasado 7 de outubro comezaban as obras de dragaxe no porto que promove a Xunta de Galicia. Estas obras consisten na extracción de 28.071 metros cúbicos de area, dos cales máis de 19.500 son na zona portuaria e 8.517 pertencen á rampla de varada. Os sedimentos da zona portuaria deposítanse no mar, a unhas 7 millas do porto, pero os procedentes da rampla de varada utilízanse para a “rexeneración de area” na praia da Basteira.

Os traballos de traslado, colocación e estendido do sedimento veñen creando unha forte alarma social entre a veciñanza. Ademais de botar area na praia cun forte cheiro e sen cribar (con moitas pedras e refugallos), están afectando ao sistema dunar. Non podemos obviar que a praia da Basteira, como gran parte do territorio do noso concello, forma parte da Rede Natura 2000 como Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) e como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC), algo que parece esquecer Portos de Galicia á vista do que está a ocorrer.

Na prensa, Portos de Galicia manifesta que conta con todas as autorizacións necesarias para a realización dos traballos e que os resultados dos últimos estudos avalan a calidade da area extraída.

Dende a Agrupación Socialista de Cariño solicitamos ao Concello que nos envíe a documentación da que dispón (non entendemos como din en redes sociais que ninguén o fixo). Tamén descargamos o proxecto dende a plataforma de contratación de Portos de Galicia.

Lendo os informes das distintas administracións, vemos que son favorables aos traballos, pero poñen condicións á execución dos mesmos. Entre outros, o da Demarcación de Costas:

“Previo a la recolocación en playa deberán aportar documentación en la que se especifique como se va a efectuar el traslado, colocación y extendido del sedimento en las playas de la Concha y Basteira. En el extendido deberá extremarse el cuidado para no dejar crestas, lomos, baches… que puedan favorecer la acumulación de algazos o otros elementos de naturaleza orgánica que, en su descomposición, puedan repercutir negativamente en la oxigenación o equilibrio REDOX del substrato”.

O pasado martes, coñecemos a noticia de que a Demarcación de Costas paralizou cautelarmente os traballos. Entendemos que, de forma inicial, informou favorablemente da dragaxe e a utilización da area para a rexeneración da praia, pero á vista da execución da mesma, non se está a cumprir co proxectado.

Por todo o anterior, a Agrupación Socialista de Cariño solicita:

– A convocatoria dunha reunión da Xunta de Portavoces do Concello, coa asistencia de persoal técnico de Portos de Galicia e da Demarcación de Costas.

– Que a cidadanía teña acceso a toda a documentación relativa ao proxecto.

– A suspensión definitiva dos traballos de depósito de area na praia da Basteira.

– A valoración dos danos causados polos traballos na praia e no sistema dunar e a análise do material depositado na mesma, procedendo á retirada das pedras e refugallos.

– A realización dun estudo de impacto ambiental para os traballos de dragaxe, tendo en conta que a maior parte teñen lugar en espazos da Rede Natura.

Nota: as imaxes aéreas que acompañan a esta entrada son de Ortegal Race. As fotografías de refugallos son fotografías da cidadanía tomadas das redes sociais.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.