Comezamos o ano con polémica. O pasado domingo, Diario de Ferrol deu a coñecer unhas declaracións do PP cariñés moi críticas coa recente publicación de dous libros por parte do Concello de Cariño. Despois de moitos meses instalados na inactividade e na irrelevancia, amosan que para eles a campaña electoral xa comezou. E deixan claro cal vai a ser o seu estilo.
A resposta do Alcalde, José Luis Armada, non se fixo agardar e no día de onte a páxina web municipal difundíu un escrito seu que, como podes supoñer, refrendamos na súa totalidade. En dito texto, a Alcaldía, entre outros argumentos, subliña o contido científico de ambos libros e lembra que a súa publicación é subvencionada, polo que non supuxo custe para as arcas municipais.
Podes ler o texto completo aquí:
Pola súa parte, Diario de Ferrol recolle hoxe un resumo deste texto, acompañado dalgunhas declaracións adicionais da Alcaldía. Podes atopalo neste enderezo:
http://www.diariodeferrol.com/index.php/periodico-impreso/comarcas/13004-b-noticia
Dende a Agrupación Socialista de Cariño, queremos engadir que esta actitude do PP amosa perfectamente as diferencias entre dous proxectos e dous xeitos de entender a política. Durante a súa etapa no goberno municipal, o PP publicou ou promoveu a publicación de máis dun libro. Nós nunca os criticamos por iso. Cremos que un Concello tamén se engrandece promovendo que se investigue e se escriba sobre el; facendo que esté presente nas estanterías das bibliotecas; fomentando a lectura entre a súa cidadanía… Ademais, Cariño é un concello novo, polo que, desgraciadamente, non é moito o que hai escrito a nivel divulgativo sobre el. Todo esforzo que se faga a este respecto é positivo, tanto se o fai o PSOE como se o fai o PP. Así o entendimos no seu día e por iso non formulamos ningunha crítica, aínda que puidésemos estar en desacordo con algunhas cuestións vinculadas ás citadas publicacións. Existían e existen, no día a día, moitos outros asuntos sobre os que confrontar.
Ó criticar a recente publicación destes dous libros, o PP cariñés amosa unha vez máis que carece dun proxecto político para Cariño e, sobre todo, que o Concello e a súa cidadanía non lle importan o máis mínimo.