Este sábado, 31 de decembro, os candidatos socialistas pola provincia da Coruña ó Congreso, Gloria del Valle, e ó Senado, Ángel Mato, visitaron Cariño para manter unha reunión coa militancia da comarca e coñecer máis polo miúdo a problemática do Ortegal. Ademais de militantes e concelleiros das comarcas de Ortegal e Ferrol, na reunión estiveron presentes os Alcaldes de Cariño e Cedeira, José Miguel Alonso e Pablo Moreda respectivamente; o Secretario Provincial de Formación e Mobilización, Julián Reina; e a Secretaria Xeral de Xuventudes Socialistas en Ferrol, Ana Lamas.
Os candidatos foron recibidos ás portas do Concello, dirixíndose a continuación ó local da Agrupación Socialista de Cariño, onde tivo lugar unha frutífera e participativa reunión de traballo. Alí expuxeron algunhas das súas ideas e puideron coñecer de primeira man a problemática comarcal e local. Cómpre lembrar que Ángel Mato síntese especialmente vencellado ó noso Concello e mantén lazos de amizade con xente de Cariño xa que traballou durante un tempo nunha das conserveiras da nosa localidade. A súa designación como candidato ó Senado foi moi apoiada pola militancia cariñesa na Asamblea celebrada a tal efecto hai unhas semanas.
Entre os temas que protagonizaron a reunión estivo por suposto a reivindicación do sector do cerco. De feito, ó finalizar a mesma os candidatos visitaron o porto e fotografiáronse co letreiro de apoio ó sector que está a inundar estes días as redes sociais.
Dende a Agrupación Socialista de Cariño queremos agradecer ós candidatos Ángel Mato e Gloria del Valle -así como ó resto de cargos públicos e militantes- que se achegasen hoxe a Cariño, no que estamos seguros que será o comezo dunha fluída colaboración, sobre todo á hora de trasladar a Madrid as nosas demandas e problemáticas.