O deputado autonómico do PSdeG-PSOE José Manuel Lage Tuñas reuníuse o pasado sábado coa Agrupación Socialista de Cariño. A visita sitúase no contexto do Congreso Provincial que terá lugar na cidade da Coruña o día 2 de xuño e no que, sen descartar que aparezan máis candidaturas, xa anunciaron que competirán o exministro Francisco Caamaño e o propio Lage Tuñas. Este último adicou a xornada do sábado a visitar tódalas agrupacións do Ortegal, tendo lugar a reunión coa militancia cariñesa a partires das seis da tarde.
Lage explicou o seu proxecto para abrir unha nova etapa no socialismo provincial. Plantexou, entre outras ideas, a máxima de un militante/un voto, que permita a elección directa dos secretarios xerais por parte de toda a militancia. Defendeu tamén un maior contacto coas agrupacións locais. Trala súa intervención inicial, prodúxose un fructífero debate cos membros da Agrupación.
Dende a Agrupación Socialista de Cariño queremos agradecerlle esta visita ó compañeiro Lage e agardamos que a práctica de visitar as agrupacións locais se extenda entre outros cargos públicos do partido. O socialismo prosegue, pois, o seu proceso de reflexión e debate interno. A Agrupación Socialista de Cariño celebrará a súa Asamblea para tomar decisións ante o futuro Congreso Provincial o día 19 de maio.